Noticias

Ángeles Álvarez na Escola de Igualdade da Deputación: "o importante do novo Goberno non é que haxa mulleres, senón que haxa mulleres feministas, por iso teño esperanza"

Álvarez alertou: "aparecerán novas resistencias porque o verdadeiro reto é desafiar e desmantelar as estruturas de poder dos homes"


07 xuño 2018
Escola de Igualdade María Vinyals

A Deputación de Pontevedra organiza hoxe no castelo de Soutomaior a xornada Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, o Estado da Cuestión. Tras a apertura da xornada, Ángeles Álvarez, militante feminista, fundadora da Rede Estatal contra a Violencia de Xénero e voceira do Grupo Parlamentario Socialista na Comisión de Igualdade do Congreso, destacou a importancia do Pacto de Estado como unha folla de ruta para recompoñer os consensos en torno á loita contra a violencia de xénero. Malia este avance, alertou de que "van aparecer novas resistencias porque o verdadeiro reto é desafiar e desmantelar as estruturas de poder dos homes e poñer fin ao permiso cultural e social cara os actos de violencia nas mulleres".

Ángeles Ávarez explicou que o ano 2014 foi clave para o proceso de xestación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A poñente insistiu en que este foi un pacto histórico desde o punto de vista social, político e institucional que, anos despois, naceu co obxectivo de unificar e integrar esforzos que para a mellorar a loita contra a violencia de xénero.

Durante o relatorio, Álvarez puxo en valor o labor da Deputación de Pontevedra que "abandeira o feminismo en Galicia e é moi importante que ese sexa o camiño", a fundadora da Rede Estatal contra a Violencia de Xénero engadiu que "Galicia tiña moitas carencias no proceso de institucionalización e o Goberno de Carmela Silva esta poñendo os cimentos". A militante feminista resaltou algunhas medidas fundamentais do pacto que consisten en que a administración local poida actuar na promoción de igualdade, na reforma de artigos relativos ao título habilitante de condición de vítima de violencia de xénero e articular o sistema de identificación previa. Álvarez insistiu en que, a pesar de que é unha das tarefas máis complexas do Pacto de Estado, "é importante que o recoñecemento como vítima estea en mans de persoas responsables especializadas, non pode ser que a metade das medidas que recolla a lei estean vinculadas a que un xuíz recoñece que ti es ou non vítima, as traballadoras e traballadores sociais tamén teñen algo que dicir". Neste senso, Ángeles Álvarez tamén explicou a importancia que ten ofrecer formación en xénero, para así contar con persoas cualificadas para realizar esta labor.

A voceira do Grupo Parlamentario na Comisión de Igualdade do Congreso aproveitou para reclamar a necesidade de respostas adaptadas a todas as formas de violencia. Neste senso incidiu en que "o que necesitamos son respostas adaptadas a cada persoa. Cando se fala de violencia machista fálase de violencia en múltiples formas e ámbitos". A militante feminista tamén fixo un chamamento ás administracións públicas, xa que "deberían garantir que as intervencións profesionais vaian encamiñadas, non só a dar seguridade, senón a romper a dependencia e a facilitar o proceso de reparación das vítimas".

Ángeles Álvarez engadiu que para combater a violencia hai que promocionar a igualdade, destacando que "a resposta penal é o camiño para romper coa impunidade pero non para acabar co problema. A loita é contra a naturalización da discriminación, temos que romper coa tolerancia social á violencia". Para levar a cabo esta tarefa o camiño é previr e modificar as estruturas que fomentan e sustentan calquera tipo de violencia machista ou discriminación social, xa que os comportamentos discriminatorios son os que fan, en definitiva, que exista unha violencia socialmente moderada.

Durante o relatorio tamén se analizaron algúns dos aspectos a mellorar no Pacto de Estado e polos que aínda se está a loitar como son a inclusión de medidas relacionadas coa prostitución e coa responsabilidade da industria audiovisual en canto á participación das mulleres. Álvarez resaltou que "calquera industria ten responsabilidade social en canto aos produtos que vende, e no caso da industria audiovisual a responsabilidade é maior xa é unha das claves no proceso de interiorización de normas da sociedade".

Para rematar, a militante feminista tamén fixo referencia ao novo Goberno de Pedro Sánchez, sinalando que "o importante neste Goberno non é que haxa mulleres, senón que haxa mulleres feministas, por iso teño esperanza"

O Pacto de Estado, aprobado polo Pleno do Congreso dos Deputados, é un documento no que se materializan 213 medidas que articulan unha estratexia conxunta de loita a favor dos dereitos das mulleres e tamén para os fillos e fillas que, en moitos dos casos, tamén son vítimas desta violencia.