Noticias

Amelia Valcárcel: "o importante é trufar de feminismo as administracións porque a axenda das mulleres ainda está pendente"

Impartiu a conferencia "A democracia dos valores: a axenda da igualdade", dentro da xornada inaugural da Escola de Igualdade María Vinyals


29 xuñ 2016
Amelia Valcárcel

A filósofa feminista, Amelia Valcárcel, salientou que hoxe máis que nunca é necesario "sacar o feminismo das habitacións pequenas e levalo a lugares grandes e vistosos", xa que o feminismo nunca gozou nin antes nin agora de bo nome porque sempre é inconformista e sempre ten moita axenda de logros que cumprir. Así o explicou hoxe no Castelo de Soutomaior, na xornada inaugural da Escola de Igualdade María Vinyals, durante a súa ponencia "A democracia dos valores: a axenda da igualdade".

Valcárcel comezou explicando que as mulleres de hoxe en día vimos da tradición dunha serie de mulleres que romperon os seus papeis tradicionais, "abrindo brechas polas que despois entrou máis xente". Neste camiño aberto destacou o papel que xogaron, por exemplo, María Vinyals ou Emilia Pardo Bazán, dúas pioneiras do feminismo na loita pola igualdade no primeiro ámbito a conquistar, o  da educación. Lembrou que como dicía Bazán no seu tempo "non podemos seguir permitindo que aos sexos os separe a educación".

A filósofa continuou expoñendo que, despois de obter os dereitos educativos, chegaron os dereitos políticos e logo os dereitos civís. "Somos herdeiras de todo o camiño andado por outras mulleres pioneiras que loitaron por todo o que agora temos, pero as cousas que temos agora non viñeron soas, outras as conseguiron por nós. O que podemos facer agora é só gozalas, sen preguntarnos máis nada, ou pola contra, gozalas e ao mesmo tempo crer que temos contraído un deber coas que nos precederon e loitaron por nós. E se somos destas últimas, entón somos feministas".

Amelia Valcárcel salientou, polo tanto, que o feminismo ao longo da historia mellorou o estado das cousas, e sempre conseguiu vitorias discursivamente, sen usar nunca a violencia. Manifestou que, para conseguir estes logros, o feminismo sempre parte dunha visión teórica ampla e global, que despois se simplifica nunha axenda máis curta e simple de obxectivos a conseguir. Para logralos, sempre se acompaña dunha vangarda que é a que está á cabeza da loita, pero ao contrario que noutras vangardas -como a sindical, a política ou a económica- a vangarda feminista "nunca ten premio cando gaña".

Exemplificou esta falta de recoñecemento no caso de Clara Campoamor, que cando conseguiu que todas as españolas tiveran dereito ao voto, o único premio que acadou foi que a expulsasen de todos os ámbitos. Por este motivo, Valcárcel insistiu en que é imprescindible que recoñezamos firmemente ás predecesoras na loita feminista, porque na súa época ninguén lles fixo ningún recoñecemento, senón todo o contrario.Por último, Valcárcel lembrou que o feminismo, ademais de visión teórica, axenda e vangarda, sempre se acompaña de consecución de elementos polos que non se estaba loitando, pero que tamén se alcanzan e xorden por si sos.

En canto á axenda da igualdade que temos hoxe en día, Amelia Valcárcel salientou que cómpre ter moi en conta antes que nada que o feminismo só pode obter vitorias alí onde a democracia sexa o sistema de goberno. "Só un sistema político que elimina todas as superioridades primarias e arcaicas pode dar orixe a persoas que se preguntan porque son discriminadas e loitan por cambiar eses sistema", asegurou.

Explicou que hoxe en día un dos retos máis importantes que existe é a loita contra a violencia de xénero en todas as súas formas, "unha violencia brutal que agora está apoiando o sistema de patriarcado que temos, non ten nada que ver coa violencia que poderían ter sufrido as nosas avoas. Agora a violencia úsase para manter o sistema e non para castigar. Pero esta violencia está sendo brutal e non pode caer da nosa axenda". Outro reto en axenda, segundo Valcárcel, pasa pola ausencia total de paridade, xa que isto hoxe só se recoñece en política nas famosas "listas cremallera", pero nos medios non estamos en paridade, nin no sistema económico, nin  no sistema da creatividade ou do saber ou do poder relixioso.

Valcárcel rematou a súa intervención asegurando que a meta número un hoxe do feminismo debe ser ter unha boa vida, "e como podemos logralo?  pois participando en política sempre, xa que a política non pode sernos nunca allea e a ela debemos levar sempre os valores do feminismo: a igualdade, a liberdade e o respecto".

Amelia Valcárcel é unha das figuras máis recoñecidas da teoría do feminismo e da igualdade en España. Filósofa e feminista, estudou Filosofía Pura cando era practicamente a única muller nas aulas. Ten unha intensa labor docente e investigadora, Medalla de Asturias pola súa loita a prol da igualdade e membro do Consello de Estado.