Noticias

Alumnado e profesorado de Bueu coñecen de primeira man a unidade didáctica sobre a nenez nas estampas de Castelao

Trátase da primeira publicación didáctica que aborda a historia da infancia na Galiza


29 feb 2016

Alumnado e profesorado dos últimos cursos da ESO do IES Illa de Ons de Bueu asistiron esta tarde, no Centro Social do Mar, á presentación da unidade didáctica A nenez galega a través dos anteollos de Castelao, editada pola Deputación de Pontevedra. Á presentación asistiron o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e as autoras e autores da publicación Diana Vilas, Laura Carpente Tielas, Óscar Rodríguez García e Manuel Rodríguez Conde.

O deputado de Cultura e Lingua lembrou a aposta do ente provincial por impulsar "un proxecto didáctico que lles permitirá ás xeracións actuais tomar contacto, dun xeito lúdico e participativo, co noso pasado máis recente e coñecer máis de preto a nosa historia e a nosa tradición". Xosé Leal tamén aproveitou esta presentación para salientar "que se trata dun recurso que a nivel pedagóxico está elaborado con rigor e por profesionais especializados na docencia e no estudo da nenez na Galiza, materia na que son pioneiros no noso país". Esta publicación, a propia unidade didáctica, que contou ademais coa colaboración do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, dedica o último capítulo ao Museo provincial; foi  editada grazas ao Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra e será distribuída nos centros de ensino da provincia. Cómpre lembrar que a unidade didáctica, que se enmarca dentro das iniciativas que o ente provincial promove no marco do Ano Castelao, xa fora presentada o pasado mes de decembro no programa de actividades do Culturgal.

A nenez galega a través dos anteollos de Castelao aborda diferentes aspectos da vida diaria da época de comezos do século XX, recollidos nos debuxos de Castelao e na que os cativos e as cativas son protagonistas, relacionándoos coa actualidade. Está destinada a un uso pedagóxico transversal a través da literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais, e vai dirixida especialmente ao alumnado de Secundaria. Os autores principais da publicación, Diana Vilas e Óscar Rodríguez, xa tiñan editado un estudo anterior sobre a representación na infancia en Cousas da vida de Castelao, converténdose, deste xeito, nos pioneiros sobre este tipo de traballos. Entre as novidades que achega este proxecto cómpre sinalar, en primeiro lugar, o propio obxecto de estudo, a figura do neno e a nena como suxeito histórico; en segundo lugar, a recuperación da obra gráfica de Castelao desde as fontes documentais orixinais; e en terceiro, o emprego de recursos multimedia e ferramentas TIC para construír contidos participativos por parte do alumnado.

Proposta participativa

Os autores fixeron especial fincapé en explicar que, tal e como afirmou Diana Vilas ,"non se trata dun libro de texto ao uso, senón que incorpora unha proposta fundamentalmente exercitiva que vai guiando os alumnos e as alumnas para que poidan construír os seus propios contidos de xeito participativo". Óscar Rodríguez, pola súa banda, puxo o acento en que "se propón unha metodoloxía anovadora enfocada ao uso das TIC, que tanto profesorado como alumnado teñen ao seu dispor".

Como exemplo do anterior mencionaron a proposta recollida no capítulo dedicado ao traballo infantil e que orienta o alumnado para que monte un vídeo no que cada alumno ou alumna conta en primeira persoa a súa experiencia imaxinando que é un rapaz da década de 1920 que ten que ir traballar á fábrica. Con este tipo de suxestións vaise guiando o alumnado para que constrúa o seu propio coñecemento, a través de preguntas, debates e reflexións.

A nenez galega a través dos anteollos de Castelao estrutúrase en seis capítulos. O primeiro versa sobre a vida no fogar e aborda temas coma a familia, a alimentación e o vestiario. O segundo trata a vida na escola e versa sobre a lingua galega, a pedagoxía e o absentismo escolar. No terceiro, sobre o tempo de traballar, estúdanse os traballos do fogar e os de fóra do fogar; o cuarto, "A Galiza de Afonsiño", inclúe información sobre os foros, o agro, a pesca, as conserveiras e a emigración; e o quinto aborda a evolución e as transformacións políticas. O sexto capítulo toma o Museo de Pontevedra como tema principal, atendendo ao papel de Castelao como fundador desta institución museística e á circunstancia de que é o museo que posúe e ten en depósito o maior número de obras deste autor.

Todos os capítulos se tratan contrapoñendo diferentes fontes documentais, coma novas dos xornais da época ou testemuños recuperados de fondos históricos ou textos lexislativos, relacionándoos coas vivencias dos nenos reflectidas nas estampas. Como exemplo, Diana Vilas e Óscar Rodríguez mencionaron que para reflexionar sobre o rexeitamento da escola por parte dos rapaces que se representa nas estampas de Castelao se inclúen testemuños orais de nenos da época, para poder comprobar se esta visión se reafirma ou non. Do mesmo xeito, tamén mencionaron a contraposición entre a visión de Castelao sobre a emigración, representada polo autor como un drama social, e a visión que naquel momento estaban difundindo os medios de comunicación, que a presentaban como unha gran oportunidade. "Trátase de contextualizar as estampas, as temáticas que abordan, botando man de diverso material documental da época para que o alumnado poida reflexionar sobre el e extraer unha opinión propia", explicou Diana Vilas.

Ademais do estudo da sociedade da época, a unidade didáctica propón unha relación coa actualidade, para o que se introduce un personaxe de ficción creado polo profesor Manuel Rodríguez Conde que leva o nome de Afonsiño, en lembranza do fillo do propio Castelao, que serve de guía a través de pequenos relatos de ficción para ir relacionando o pasado co presente.