Noticias

‘Ágora', de novo exemplo de modelo de recuperación do espazo público no ‘VI Encontro De Cidades' organizado pola DXT e a FEMP en Zaragoza

O proxecto provincial, considerado "unha boa práctica" de seguranza viaria e mobilidade sustentable, será exposto polo deputado Uxío Benítez


07 outubro 2021

Ágora', o proxecto do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra co obxectivo de recuperar espazo público para as persoas, segue a espertar interese nos principais foros de debate sobre deseño urbano e será de novo exemplo para outras cidades e vilas estatais. Tras o seu paso esta semana por Sevilla, Barcelona (hoxe) e A Coruña (mañá), será tamén protagonista no ‘VI Encontro de Cidades para a seguridade viaria e a mobilidade sustentable. Cidades 2030' que se celebrará os días 21 e 22 de outubro en Zaragoza por ser considerada "unha boa práctica e experiencia de mobilidade sostible".

O deputado Uxío Benítez, participará no congreso xunto ao presidente da Comisión da FEMP de Mobilidade Sustentable, Alfonso Gil Invernón, e representantes dos concellos de Santander e Xixón, nunha mesa que abordará ‘O reto da comunicación na nova mobilidade urbana'. Esta sesión completarase con outras de grande interese que tratarán temas como a velocidade 30, a distribución urbana de mercadorías, as zonas de baixas emisións , os comportamentos de risco, ou a seguranza das persoas vulnerables, para finalizar coa lectura da ‘Declaración do VI Encontro de Cidades', na que se recollerán todas as conclusións.

Baixo o lema ‘Cidades 2030', o encontro vén de ser organizado pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o Concello de Zaragoza e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Supón unha oportunidade para que as cidades españolas coñezan, promovan, divulguen e compartan estratexias co obxectivo de reducir á metade o número de persoas falecidas e feridas graves en 2030.

O encontro supón tamén a oportunidade de afondar nas interrelacións entre os diferentes dominios afectados polas políticas municipais de mobilidade: seguridade viaria, sustentabilidade ambiental, conectividade, habitabilidade e saúde pública. Esta transversalidade das políticas de mobilidade será analizada no marco proporcionado pola Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Unha das cuestións principais que se abordará, e o motivo polo que ‘Ágora' terá un papel principal, será que o modelo de mobilidade está a cambiar: xunto co vehículo privado, ábrense paso outros medios de desprazamento máis acordes á sustentabilidade e ao medio ambiente, e é necesario garantir a convivencia segura de todos eles, prestando unha atención aos usuarios vulnerables, que supoñen máis de oito de cada dez persoas falecidas nas cidades.

Tamén se terá en conta que a pandemia da COVID-19 acelerou algúns cambios que xa viñan xestándose con anterioridade. Como resposta a estes fenómenos, moitas cidades tomaron durante 2020 medidas de reforzo do transporte público e de urbanismo táctico, co obxectivo de acougar as rúas e dar cabida ao incremento de peóns e ciclistas. Dende a organización subliñan que "é o momento de ver como consolidar estas tendencias".

Moito interese en ‘Ágora' no CICLOBCN21 celebrado hoxe

Na xornada de hoxe, a Deputación de Pontevedra, cunha representación técnica do departamento de Mobilidade, está en Barcelona e participou no CICLOBCN21, que agrupa tres congresos sobre mobilidade ciclista, entre eles o ‘7º Congrés Internacional da Bicicleta' e o ‘Congreso Ibérico A bicicleta e a cidade', explicando o traballo provincial para fomentar a mobilidade ciclista.

Na exposición, o técnico provincial explicou a importancia de partir da necesidade xeral de recuperar o espazo público para as mobilidades naturais para despois entrar en aspectos concretos sobre a ciclabilidade. Na mesa expuxéronse as características peculiares da provincia de Pontevedra, con máis dun terzo do seu territorio cualificado como rururbano, así como os criterios do decálogo ‘Agora' para actuar no deseño e redeseño urbano co fin de permitir unha utilización segura da bicicleta tanto dende o punto de vista da práctica deportiva, do ocio como do uso cotiá. A proposta provincial suscitou un grande interese por parte das persoas asistentes, que participaron con preguntas e xerando debate sobre algunhas das ideas ‘Ágora'.

Na xornada de mañá o deputado Uxío Benítez estará no Encontro xeral da Rede de Cidades que Camiñan en Carballo (A Coruña), onde se reunirán representantes políticas e técnicas de todo o territorio estatal para poñer en valor a camiñabilidade como eixo central á hora de mellorar a calidade de vida de vilas e cidades.