Noticias

Adxudicadas as obras para reformar o núcleo da Chan en Cerdedo-Cotobade

O deputado Uxío Benítez explica que se presentaron 18 empresas e unha foi excluída por baixa temeraria


06 marzo 2019
Visita A Chan

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este xoves de maneira oficial a adxudicación á empresa ‘Obras, Reformas y Saneamientos SL' as obras de ‘Reestruturación do espazo público e a mobilidade peonil no núcleo da Chan' no tramo que coincide coa estrada provincial EP-0401 no concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez finalmente o investimento será de máis de 471.000 euros, logo de escoller a mellor oferta técnica e económica de entre as 18 aspirantes, sendo unha excluída por presentar baixa temeraria.

A actuación prevista polo Servizo de Mobilidade, apunta Benítez, centrarase en tres áreas diferenciadas: no contorno da capela de San Roque vaise crear un área de uso exclusivo peonil ademais de instalar elementos de calmado de tráfico na zona de tránsito de vehículos; crearase unha nova praza no núcleo da Chan, cunha gran plataforma ao mesmo nivel para peóns e vehículos cun deseño centrado en criterios de accesibilidade e seguranza viaria; por último, habilitarase unha zona de estacionamento para dar servizo ás persoas usuarias dos equipamentos do contorno (Concello, centro de saúde, banco…), que permitirá liberar o propio núcleo tradicional da Chan de coches aparcados.

Segundo afirma o deputado Benítez, a actuación na Chan, na estrada provincial EP-0401 Carballedo-Caroi, supón un claro exemplo dos novos criterios de actuación do Goberno provincial, xa que será a vía a que se adaptará ao contorno patrimonial pola que pasa e non ao revés, ademais de potenciarse o calmado de tráfico e a mobilidade peonil. "A praza da Chan é unha praza rural galega apenas alterada e imos estar orgullosos do resultado final da obra, xa que tivemos a sensibilidade de respectar os valores intrínsecos: os vehículos terán que pasar devagar e daranse conta do espazo patrimonial no que están, que con esta nova actuación porase aínda máis en valor", insistiu Benítez.

As obras na Chan, lembrou Benítez, acordáronse co alcalde Jorge Cubela, quen deu prioridade a esta actuación con cartos provinciais fronte á remodelación da estrada provincial de Almofrei. O financiamento da obra chegará nun 70 % pola Deputación en nun 30 % polo Concello, que tamén conseguiu os terreos do estacionamento, ademais de haber posterior transferencia á administración municipal.

Unha vez se asine formalmente o contrato con ‘Obras, Reformas y Saneamientos SL' e a empresa presente a acta de reformulación dos traballos (para o que hai dous meses de prazo oficial), haberá seis meses para rematar a reforma, polo que o núcleo da Chan debería lucir a súa nova imaxe antes do inverno se non se producen complicacións pola climatoloxía.