Noticias

Adxudicadas as obras do cambio integral de imaxe das estradas provinciais en Campelo

O deputado Uxío Benítez explica que se construirá unha gran praza de 1.000 metros cadrados na Granxa, sendas peonís, espazos de convivencia e renovaranse os servizos urbanos


07 marzo 2019
Adxudicación obras Campelo

O cambio de imaxe das estradas da Deputación en Campelo xa está máis preto. A Xunta de Goberno provincial aprobou xa a adxudicación das obras da vía que une Portosanto e a praza da Granxa (EP-0601) e da rúa de baixada á lonxa (EP-0602), no termo municipal de Poio. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as máquinas poderán comezar a traballar de xeito inminente, xa no mes de maio coa chegada do bo tempo, unha vez se asinen formalmente os contratos e se presente a acta de reformulación -para o que oficialmente hai dous meses de prazo-.

Segundo apuntou o nacionalista, a unión temporal de empresas (UTE) formada por ‘Movimiento de Áridos y Construcciones Arousa SL' e ‘Arines Obras y Proyectos SL' será a responsable da obra principal, denominada oficialmente ‘Mellora da mobilidade peonil EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550 entre os PQ 0+000 e 1+730 (Poio)'. Para estas obras presentáronse 14 empresas e excluíronse dúas por ofertar baixas temerarias. Finalmente o orzamento de adxudicación é de 1,324.967, 81 euros.

En caso das obras da rúa de baixada á lonxa (‘Estabilización do muro de contención da estrada e continuación do paseo litoral Campelo. Fase II'), a construtora que realizará as obras é ‘Construcciones Castro Figueiro SLU', cun orzamento final de 412.544,73 euros. Presentáronse oito empresas e tres excluíronse por presentar ofertas inviables.

O deputado Uxío Benítez lembrou hoxe que a intención da Deputación é que Campelo goce en 2019 dun cambio total de imaxe grazas a ambos proxectos, adaptados á realidade urbanística da zona. Darase mellor acceso aos equipamentos (o colexio de Lourido, o centro deportivo e o centro de saúde de Anafáns) cunha actuación que abrangue case 1.800 metros de lonxitude creando unha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e dúas plataformas de convivencia con preferencia peonil nos puntos nos que non hai sección suficiente para permitir un paso segregado. Neses espazos de convivencia calmarase o tráfico e non se permitirán velocidades de máis de 20 ou 30 quilómetros grazas aos redutores de velocidade.

Un dos puntos máis destacados da actuación será a confluencia entre a EP-0602 e a EP-0601, na zona da Granxa, onde o actual espazo seccionado polas estradas pasará a ser unha gran praza continua duns 1.000 metros cadrados recuperada para as persoas. Tamén haberá renovación de servizos urbanos (abastecemento, pluviais, fecais, soterramento de liñas eléctricas e de telecomunicacións), así como instalación de novo mobiliario e iluminación.

Por outra parte, Benítez indicou que na reforma da estrada de baixada á lonxa prevese unha urbanización de 420 metros de lonxitude, construirase unha senda na parte máis próxima ao mar, para despois continuar cunha plataforma de convivencia de preferencia peonil e tráfico calmado na que tamén se renovarán os servizos. Habilitaranse tamén escavas con árbores e unha pequena zona verde. O prazo de execución será de catro meses.