Noticias

Adxudicadas a COVSA as obras da estrada provincial entre Ponteareas e As Neves

A Deputación mellorará a seguranza viaria e peonil cunha rehabilitación integral do firme ao longo de 12.850 metros


20 febreiro 2019
Ponteareas-As Neves

A Deputación de Pontevedra adxudicará de maneira oficial este venres as obras de mellora de case trece quilómetros da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves á empresa COVSA. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a Xunta de Goberno provincial dará o visto bo á que se considerou a mellor proposta técnico-económica das once presentadas, cunha oferta económica de 568.387 euros.

Ábrese agora o prazo para a sinatura do contrato, a entrega de documentación da firma construtora, e a presentación da acta de replantexamento dos traballos. A intención é que estes comecen de maneira inmediata logo de solucionar os últimos trámites administrativos e que o prazo de execución dure catro meses contados desde o inicio da actuación.

Uxío Benítez explica que este proxecto abrangue desde o punto quilométrico 0+000 ata o 12+850 -a práctica totalidade de estrada, nos concellos de Ponteareas, Salvaterra de Miño e As Neves- e pretende mellorar a seguranza viaria e peonil rehabilitando de forma integral o firme da actual traza. Levantarase todo o aglomerado en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Así mesmo, mellorarase a drenaxe, instalando tubaxes paralelas á calzada polas beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escoamentos formen balsas de auga na plataforma. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, liñas brancas transversais…) co fin de mellorar a visibilidade da vía.

Segundo os datos dun estudio de aforamentos realizado pola Deputación, a EP-4006 presenta un tráfico medio duns 3.676 vehículos, o que a sitúa dentro das 20 con máis tránsito das 377 da rede provincial. No control realizado no primeiro treito da vía (entre Ponteareas e a A-52), concretamente no punto 0+890, a intensidade media diaria ascendía a 3.745 vehículos, mentres que no segundo treito (entre a A-52 e As Neves), no PQ 22+000, o número medio de vehículos por día foi lixeiramente menor, con 3.607.