Noticias

Adxudicada a Construcciones E. C. Casas, S. L. a obra da glorieta e mellora do acceso a Príncipe Felipe

A construtora presentou unha oferta de 417.435,81 euros, un 24 % máis baixa que o orzamento de licitación


07 marzo 2018
Glorieta Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra aprobará este venres en Xunta de Goberno a adxudicación da obra da glorieta e mellora de acceso ao centro Príncipe Felipe a Construcciones E. C. Casas, S. L. por un total de 417.435,81 euros, o que supón unha redución de máis do 24 % con respecto ao orzamento inicial de licitación. Segundo indica o vicepresidente César Mosquera, as obras teñen un prazo de execución de seis meses logo da sinatura do contrato, polo que deberán estar finalizadas no outono se non se producen complicacións burocráticas ou pola climatoloxía.

As actuacións propostas para o acceso do Centro Príncipe Felipe teñen por finalidade potenciar e dinamizar unha contorna que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes para as persoas usuarias do centro. Perséguese unha urbanización da contorna onde se delimita claramente a circulación do tráfico rodado e peonil, se dispoñen zonas de estancia, se acondiciona a contorna mediante mobiliario urbano e zonas axardinadas e renóvanse as instalacións que presenten un mal estado de conservación ou quedan obsoletas.

Na actualidade, o centro conta cun acceso principal sen ningún tipo de protección en materia de mobilidade e seguridade viaria ante o colectivo máis vulnerable, sen existir pasos de peóns que protexan a peóns á entrada e saída do centro, tendo en conta sobre todo que gran parte destes peóns son nenos e nenas, persoas maiores ou con mobilidade reducida, que atopan xusto á saída unha estrada frecuentada por vehículos sen existencia de beirarrúas en bo estado, sen largos de beirarrúa que permitan o tránsito de persoas con mobilidade reducida, con barreiras arquitectónicas, sen boa iluminación, e sen sistemas de redución de velocidade para vehículos que lles impidan pasar pola zona de acceso ao centro a grande velocidade.

A actuación consistirá, por unha banda, na construción dunha glorieta de dobre carril que regule a circulación viaria con pasos de peóns sobreelevados á entrada e saída da mesma, en ambas as direccións, obrigando desta forma aos vehículos a reducir a velocidade. Os sistemas de iluminación consistirán na colocación de 14 farois en total, 13 farois de 7 metros de alto nas zonas de pasos de peóns sobreelevados e unha de 15 metros no centro da glorieta. A maiores, colocaranse ás entradas da glorieta dúas balizas de aceiro inoxidable.

Doutra banda, crearanse áreas seguras reservadas para as persoas viandantes sen existencia de barreiras arquitectónicas para as persoas con mobilidade reducida, dándolles un espazo reservado unicamente para elas libre do tránsito de vehículos. Estas áreas estarán compostas por pavimento de laxas de pedra de granito cun bordo de pedra de granito que delimitará a zona de tráfico coa zona reservada ás persoas.

Caseta de aceiro corten e vidro e rótulo de grandes dimensións

Por último, acondicionarase o peche perimetral con cipreses de ata tres metros de altura a raíz espida. Construirase unha nova caseta de control para a vixilancia e seguridade do centro, composta por aceiro corten e acristalamento de vidro, coa súa correspondente cimentación, instalacións necesarias e sistemas de vixilancia, con acometidas de abastecemento, pluviais, fecais, electricidade, telecomunicacións. Instalarase un portal metálico motorizado de aceiro corten, con porta incluída de acceso peonil, para controlar a entrada e saída tanto de persoas como de vehículos.

Realizarase un aparcadoiro privado para as persoas usuarias do centro e un muro de contención de terras perimetral ao aparcadoiro, e iluminarase a zona con cinco proxectores de luz led. Este mesmo tipo de iluminación utilizarase tamén para o rótulo ‘Centro Príncipe Felipe' a colocar na glorieta, con chapa de aceiro corten e letras de dimensións 150 cm de alto, 50 cm de largo e longo variable. Construirase un novo acceso á zona de cociñas, mediante a apertura dun camiño pola zona axardinada.