Noticias

Adxudicada a Civis Global a mellora de dous quilómetros da estrada provincial Pazos-Ponteareas ao seu paso por Ribadetea

O deputado Uxío Benítez explica que os traballos deben comezar antes do verán e terán un prazo de execución de seis meses


04 marzo 2019
Estrada provincial Pazos-Ponteareas

As obras de mellora da seguranza viaria para 2,2 quilómetros da estrada EP-2703 ente Pazos e Ponteareas ao seu paso pola localidade de Ribadetea, no concello de Ponteareas, acaban de ser adxudicadas formalmente pola Deputación á empresa Civis Global por presentar a mellor oferta de entre as 16 firmas aspirantes. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que o orzamento de adxudicación foi finalmente de 580.169,39 euros. Os traballos deben comezar antes do verán e, unha vez que comecen, terán unha duración de seis meses.

As obras consistirán –explica Benítez- na creación de itinerarios peonís, a mellora do firme, a instalación de elementos de calmado de tráfico, e tamén a incorporación de servizos soterrados nunha zona moi transitada pola veciñanza nas inmediacións da igrexa parroquial, da escola infantil, e da casa da cultura. A mellora desta estrada responde a unha demanda veciñal da parroquia de Ribadetea trasladada á Deputación polo Goberno local encabezado por Xosé Represas que, en varios encontros, manifestou que a zona necesitaba dunha mellora da seguridade viaria para facilitar o tránsito de peóns no lugar de O Souto, comunicando equipamentos como a igrexa parroquial de San Xurxo e o colexio da Picaraña.

No proxecto inclúese a creación dun espazo de tránsito peonil diferenciado e nas zonas onde non hai sección suficiente crearanse zonas de convivencia cunha plataforma sobreelevada e con preferencia peonil. Poñerase tamén en valor o contorno da igrexa de San Xurxo e o cruceiro de Entreeidos, onde se utilizarán encintados e pavimentos e pedra e lastros en lugar dos formigonados e dos aglomerados de cor do resto dos ámbitos.

Ademais das melloras nos itinerarios peonís, explica Benítez, o proxecto inclúe unha rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 11+300 e 13+500, instalaranse redutores de velocidade de vehículos, renovarase a rede de drenaxe, canalizarase un treito de abastecemento, e instalarase novo mobiliario urbano e unha marquesiña.