Noticias

Redondela gaña un espazo de encontro cidadán co acondicionamento da contorna do multiúsos da Xunqueira, obra financiada pola Deputación

Os traballos para a posta en valor da céntrica zona, valorados en preto de 50.000 euros, crean un "salón urbano", deseñado como espazo público de estancia e lecer


27 agosto 2021
multiúsos da Xunqueira en Redondela

Redondela vén de gañar un novo e céntrico espazo como lugar de encontro social, especialmente para a mocidade, co acondicionamento da contorna do edificio Multiúsos da Xunqueira. Na obra investíronse 48.337 euros a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación. A recuperada zona quedará esta tarde aberta ao público cun acto ao que asistirán o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa, Digna Rivas, acompañada por varios/as concelleiros/as.

As obras  desenvolvidas tiñan como obxectivo recuperar e poñer en valor esta contorna do Multiúsos, que ata agora non presentaba un estado de conservación adecuado, malia a que o edificio constitúe o punto neurálxico da vida sociocultural en Redondela. Por outra banda, a parte que linda co río Alvedosa é zona de reunión tradicional da mocidade do municipio, polo que o Concello buscaba ofrecerlles un espazo mellor acondicionado.

O elemento protagonista da obra son os bancos que salpican todo o ámbito, que están executados sobre unha base de bloques de formigón e taboleiro cerámico. Os bancos lograron un acabado estético singular ao estar revestidos completamente con lamas de madeira. Os bancos contan, ademais, con puntos de recarga para dispositivos móbiles e rede WiFi.

O proxecto crea un espazo configurado como un "salón urbano", un espazo público de estancia e lecer. A obra comezou pola substitución do anterior solo de xabre por outro piso de pavimento en formigón pulido, configurando así unha rede de camiños. O resto do espazo quedou tapizado con céspede. Todo elo cun deseño accesible, evitando barreiras arquitectónicas. Ademais, mellorouse a iluminación e a recollida de augas pluviais e reparáronse as escaleiras do Multiúsos.