Noticias

Ábrese o prazo de inscrición para participar nunha nova edición das "Deporte escolas"

O programa da institución provincial, que oferta actividades totalmente gratuítas, beneficiou durante o pasado curso a máis de 10.000 nenas e nenos de entre 5 e 15 anos


10 setembro 2018
DEPOrte Escolas

Hoxe luns 10 de setembro abriuse o prazo de inscrición para unha nova edición das "Deporte escolas", o programa da Deputación de Pontevedra en colaboración con federacións deportivas para promover a actividade física entre as nenas e nenos en idade escolar a través de diferentes modalidades. Para este curso 2018/2019, ao igual que o ano pasado, as actividades que ofertará de maneira totalmente gratuíta son balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, atletismo (marcha), piragüismo e baloncesto.

As persoas interesadas en participar nas "Deporte escolas" deberán cubrir a solicitude de inscrición que poden atopar na na páxina web da Deputación de Pontevedra e posteriormente entregala en calquera dos rexistros da Deputación, nas oficinas do ORAL, ou enviala a deportescolas@depo.es. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro venres 28 de setembro e as actividades comezarán a partir do 8 de outubro, no día e horario correspondente para cada escola.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición a relación das persoas admitidas publicarase na web da institución provincial a semana seguinte á finalización do prazo de inscrición. Tras a publicación, no caso de que existan prazas libres, abrirase un segundo prazo de inscrición a partir do 15 de outubro que non se pechará en todo o curso, sempre que queden prazas libres.

Para este curso 2018/2019 haberá actividades en 51 concellos da provincia. Máis polo miúdo, os concellos que durante esta tempada terán actividades das "Deporte escolas" serán Agolada, Arbo, A Guarda, A Cañiza, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Forcarei, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, O Grove, O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Vila de Cruces e Vigo.