Noticias

Abre o prazo de solicitudes para o programa "Depo en marcha" 2020 da Deputación de Pontevedra

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra


03 febreiro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en funcionamento "Depo en marcha" 2020. As bases reguladoras do programa publicáronse no BOPPO o luns 3 de febreiro, e o prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles a partir do día seguinte á súa publicación. As solicitudes terán que presentarse obrigatoriamente mediante medios informáticos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).

As bases do programa establecen unha contía consignada que ascende a 189.067,04 euros; 33.000 euros máis que na edición do 2019. A edición deste ano ofrece un total de 130 obradoiros, que poderán incrementarse en función do prezo de adxudicación por actividade que resulte do proceso de licitación que se convoque. Os obradoiros terán unha duración de 30 horas e impartiranse en xornadas de entre unha e tres horas á semana. Só se poderá conceder un obradoiro por entidade, e o procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva.

Os beneficiarios do programa serán as entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. Como o programa se dirixe principalmente ás persoas de maior idade, para realizar os obradoiros a entidade solicitante deberá acreditar, antes do seu inicio, que o 70 % do alumnado ten 50 ou máis anos no momento da inscrición.

O programa "Depo en marcha" ten como obxectivo favorecer o avellentamento activo mediante obradoiros de actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias, evitando así o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores. O número máximo de prazas de cada obradoiro estará determinado pola súa especialidade e poderá variar entre 20 e 25, aínda que será necesario reunir un mínimo de 15 persoas inscritas para poder levar a cabo a actividade. O catálogo de obradoiros divídese en oito temáticas: "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede".