Noticias

A Deputación de Pontevedra abre este luns a inscrición para a "DepoRuta BTT" que percorrerá o concello de Ponteareas

A actividade, que seguirá en todo momento o protocolo de actuación para a prevención da covid-19, terá lugar o día 13 de setembro


23 agosto 2020

Enmarcada na programación Vive Deporte, coa que a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a desfrutar  este verán dunha ampla oferta de actividades deportivas sostibles, este luns 24 de agosto a institución provincial abrirá o prazo de inscrición para a "DepoRuta BTT" que percorrerá o concello de Ponteareas o 13 de setembro e que ofrece 200 prazas.

O obxectivo desta iniciativa da Deputación é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos (persoas, grupos ou familias) que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.

As e os interesados en participar nesta ruta en bicicleta poderán inscribirse a través da web www.depo.gal ata completar o límite de prazas ata o 7 de setembro, ás 12 horas. Unha vez cubertas as prazas, abrirase unha lista de agarda. Ás persoas participantes se lles confirmará a asistencia a través da web www.depo.gal coa publicación da lista definitiva, e vía SMS, co programa "Depo Informa".

As e os menores de idade deberán ir acompañados e, en caso de familias con varias crianzas, será suficiente cunha persoa representante ou titora por familia. A ruta _ que inclúe os avituallamentos_ estará sinalizada e as persoas participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido.

A Deputación ten deseñado un protocolo de actuación para a prevención da covid-19 en relación con esta proba deportiva, que establece en primeiro lugar que as persoas que teñan algún síntoma compatible coa enfermidade como febre, tose ou dificultade respiratoria non deberán asistir á ruta.

Recomenda que as e os deportistas realicen o desprazamento de maneira individual no seu propio vehículo e, no caso de que viaxe máis dunha persoa, se respecten estritamente as medidas establecidas polas autoridades, que inclúen a utilización de máscaras protectoras e o viaxe, se é posible, en filas de asentos distintas, mantendo a maior distancia posible entre as e os ocupantes. Xa no momento da chegada ao evento, as persoas asistentes deben utilizar a máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns, así como evitar saúdos ou choques de mans. Só se lle permitirá o acceso á zona de retirada de dorsais á ou ao deportista que vai participar; non se admitirá a entrada a ningunha outra persoa acompañante. Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.

A organización habilitará unha carpa exterior para a retirada de dorsais con zonas de entrada e saída diferentes onde as e os participantes deberán acudir 30 minutos antes da súa quenda de saída. Na entrada montarase o servizo de control de temperatura. A ou o deportista que supere os 37,5 ºC non poderá tomar a saída.

As e os participantes colocaranse coa máscara na saída ata 10 segundos antes do comezo. Deberán gardar a máscara no maillot e volver poñela ao chegar o avituallamento.  A entrada a esta zona realizarase de maneira individual e coa máscara posta. Non se entregará ningún produto na man, as e os participantes deberán recollelos da mesa. Haberá mesas suficientes para poder garantir a distancia mínima de seguridade. Finalmente, na chegada á meta, as e os deportistas deberán retirarse da zona nada máis chegar para evitar aglomeracións. Doutra banda, elimínanse as duchas e vestiarios.