Noticias

Aberto o prazo de solicitude para as prazas de novo ingreso no curso 2019-2020 na escola infantil de Príncipe Felipe

O centro está aberto a nenas e nenos da comarca e abre de 7.30 a 22.30 horas para facilitar a conciliación a pais e nais con traballo en quendas


05 xuño 2019
Escola infantil Príncipe Felipe

A escola infantil de Príncipe Felipe, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ten aberto ata o vindeiro 17 de xuño (inclusive) o prazo de solicitude para o alumnado de novo ingreso. As solicitudes estudaranse tendo en conta as características da unidade familiar á que pertencen as nenas e nenos no relativo á súa situación socio familiar e laboral.

A listaxe provisional de persoas admitidas e non admitidas estará dispoñible no taboleiro de anuncios do propio centro a partires do martes 18 de xuño. A definitiva poderase consultar o venres 21 de xuño, abríndose a matrícula do luns 24 de xuño ao venres 5 de xullo en horario de 10 a 11.30 horas. O formulario de solicitude de novos ingresos poderase descargar na páxina web www.depo.gal, mentres que os impresos de matrícula deberán recollerse na propia escola infantil.

A escola infantil de Príncipe Felipe, xestionada pola concesionaria Chupetes, é a única en toda Galicia cun sistema de quendas que abre desde as 7.30 da mañá ás 22.30 horas de xeito ininterrompido co obxectivo de facilitar a pais e nais que traballan a conciliación e organización do seu tempo deixando ás crianzas atendidas por un equipo educativo de calidade.

Todas as familias da comarca de Pontevedra pódense beneficiar das prazas da escola infantil, que atende as demandas para crianzas que nacerán no que resta de ano e que precisarán a súa praza neste curso, unha situación que marca a diferenza con outras escolas infantís públicas nas que non se dá a posibilidade de facer a matrícula para o alumnado non nado no prazo oficial.

A escola infantil de Príncipe Felipe, ademais da conciliación, ten tamén outro eixe de funcionamento que se centra no aspecto educativo e que ten como obxectivo fomentar a autonomía persoal das crianzas tendo en conta as súas necesidades de afectividade e educación nun tramo de idade fundamental no desenvolvemento da súa personalidade.

O equipo de persoal da escola está formado por unha directora, unha persoa de servizos xerais, sete educadoras pola mañá e dúas pola tarde, así como unha de reforzo. O centro ten servizo de comedor, que inclúe o almorzo, xantar, merenda e cea; servizo complementario diúrno; e servizo médico de urxencia propio do centro.

Hai dúas unidades de 0 a 1 ano, outras tres de 1 a 2 anos de idade e, finalmente, outras tres de 2 a 3 anos. As instalacións están formadas por oito aulas, unha para cada grupo de idade, con lavabos adaptados ás nenas e aos nenos, unha zona de aseo diferenciada para as crianzas máis pequenas e unha zona de descanso, e un aula de usos múltiples (entre os usos máis destacados ten o de aula audiovisual ou de psicomotricidade e comedor). Conta cun patio exterior tratado con materiais adecuados para o seu uso, zona de xogos, soportal e xardín con herba. Toda a edificación, de 487 metros cadrados, pertence á Deputación de Pontevedra.