Noticias

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar nos obradoiros de verán do Museo de Pontevedra

Un total de 120 nenas e nenos de 5 a 14 anos poderán participar nesta proposta lúdica que inclúe catro temáticas diferentes que se desenvolverán ao longo de xullo e agosto


18 xuño 2019
Obradoiros de verán 2019

Divulgar e dinamizar o patrimonio material e inmaterial, así como estimular a comunicación, creatividade, sensibilidade e a expresión dos e das cativas é o obxectivo dos obradoiros de verán que desenvolverá o Museo de Pontevedra durante os meses de xullo e agosto.

Ofértanse un total de 120 prazas para nenas e nenos de entre 5 e 14 anos de idade, que poderán participar nunha nova proposta lúdica que, este verán, incluirá catro bloques temáticos como son: Cerámica Creativa. Arredor de Luis Seoane, Pequeólogos/as. Obradoiros de Exiptoloxía, O Obxecto e o Espazo Cotiá na Obra de Mulleres Artistas, e Unha Ollada ó Pasado. Viaxando pola Prehistoria de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nesta iniciativa, que terá lugar no Sexto Edificio en quendas semanais, abrangue desde hoxe ata o próximo día 27. No caso de que a demanda sexa superior a oferta celebrarase un sorteo público o venres 28, ás 9:30 h, no Edificio Fernández López do Museo.

Os horarios e datas de realización de cada obradoiro pódense consultar na páxina web do Museo de Pontevedra (http://www.museo.depo.gal/), así como as bases e o formulario de inscrición.