Noticias

Aberto o prazo de inscrición para tres novas actividades de "Aviventa o deporte" da Deputación

Estréanse as DepoRutas BTT cunha saída no Morrazo, as Depo Orienta no Galiñeiro, ademais da terceira Depo Andaina que percorrerá a senda do Tea en Mondariz


02 agosto 2021
aviventa o deporte

O mes de agosto trae consigo novas actividades deportivas do programa provincial "Aviventa o deporte". A Deputación abre hoxe o prazo de inscrición para unha nova Depo Andaina que o día 22 percorrerá a senda do río Tea, en Mondariz. Tamén as persoas afeccionadas á BTT poden inscribirse desde este luns na primeira DepoRuta de este ano que atravesará o 29 de agosto a costa da Vela, en Cangas. Igualmente hoxe ábrese o prazo para inscribirse na primeira de Depo Orienta que se realizará o 5 de setembro polo monte Galiñeiro, en Gondomar. En todas elas poderán participar ata un máximo de 200 persoas que deberán encher un formulario na web (www.depo.gal) para reservar a súa praza.

Máis polo miúdo, a que será a terceira das Depo Andaina ten un percorrido de 14 quilómetros durante os que as persoas que participen nela poderán gozar da tranquilidade dos camiños e das praias fluviais do río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz. Cun percorrido circular e unha dificultade media, a ruta comezará ás 10:00 horas na praia fluvial do Val e o prazo de inscrición na mesma está aberto ata o 16 de agosto.

Para todas aquelas persoas que gozan pedaleando a Deputación ofrece tamén a posibilidade de anotarse na primeira DepoRuta BTT deste 2021. A actividade contará cun percorrido circular de aproximadamente 30 quilómetros que permitirá mergullarse nun dos enclaves máis senlleiros da provincia: a canguesa costa da Vela. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse antes do 20 de agosto.

A orientación é outra das disciplinas deportivas que o ente provincial inclúe no seu catálogo estival. As persoas que participen no primeiro Depo Orienta deberán pasar por todas as balizas que a organización da actividade vai distribuír polo monte do Galiñeiro, en Gondomar, na orde que se indica nun mapa. Para rexistrar cada paso facilitaráselles unha tarxeta electrónica e ao rematar a proba daráselles avituallamento. Trátase dunha actividade que poderá realizarse de xeito individual ou grupal, na que haberá distintas categorías e cuxo prazo de inscrición remata o 30 de agosto.

As actividades de "Aviventa o deporte" continuarán ata o mes de outubro espallando os hábitos de vida saudables por toda a provincia á vez que descobren ás persoas que participan nelas recunchos nos que poder gozar da natureza. Deste xeito, estas saídas da Deputación están dirixidas a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables