Noticias

Aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades de Nadal do Museo

Poderán participar rapazas e rapaces de entre 5 e 12 anos


14 decembro 2017
NadalArte

A partires de hoxe e ata o mércores da vindeira semana, 20 de decembro, o Museo de Pontevedra mantén aberto o prazo de inscrición para rapazas e rapaces de entre 5 e 12 anos que desexen participar nas súas actividades de Nadal. Nesta ocasión está deseñado un xogo de busca sobre as diferentes formas de representar a familia, que rematará coa elaboración dun adorno de Nadal inspirado nesta temática.

O tema elixido nesta edición atende ás múltiples formas de representación da familia aproveitando que o Nadal é, tradicionalmente, un tempo de encontro familiar. Así, traballarase na representación histórica da familia a través da arte, e nomeadamente na colección do propio Museo de Pontevedra, en representacións como a maternidade, os avós, os fillos e as fillas, e a propia familia do artista. A través deste percorrido tamén se profundará noutras cuestións transversais como son a vida doméstica, o respecto aos maiores ou a tradición dos beléns.

Para desenvolver as actividades organizaranse grupos por idades de un máximo de 15 nenos e nenas por cada grupo. Así, as nenas e nenos de 5 a 7 anos poderán elixir entre os seguintes días e horarios :26, 27, 28 e 29 de decembro, de 11 a 13 h; e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro, de 17 a 19 h. As nenas e nenos de 8 a 12 anos poderán elixir entre os días 26, 27, 28 e 29 de decembro, de 17 a 19 h; e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro, de 11 a 13 h.

As inscricións pódense facer chamando ó 986 804 100, extensión 42413, ou na dirección de correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es (en horario de luns a venres de 8:30 a 14:30 h). No caso de haber máis solicitudes que prazas ofertadas, realizaríase un sorteo público o xoves 21 de decembro ás 10 horas no edificio Fernández López do Museo. A lista definitiva publicarase na web do Museo a partir do día 21 de decembro e tamén poderá ser consultada no punto de información do Sexto Edificio.