Noticias

Aberto o prazo de inscrición para a DepoRuta BTT de Cangas organizada pola Deputación de Pontevedra

Esta última proba, que terá lugar o 27 de outubro, conta cun percorrido circular de 36 quilómetros, será totalmente gratuíta e terá un máximo de 300 participantes


08 outubro 2019
DepoRutas BTT

Desde este luns está aberto o prazo de inscrición para participar na DepoRuta BTT de Cangas que organiza a Deputación de Pontevedra por terceiro ano consecutivo. Deste xeito, as persoas interesadas en participar nesta ruta, que terá lugar o 27 de outubro, deberán ter un mínimo de 16 anos e poderán facelo, de maneira totalmente gratuíta, a través da web www.depo.gal ata o vindeiro 23 de outubro.

Máis polo miúdo, a DepoRuta BTT de Cangas, cun percorrido circular de case 36 quilómetros, iniciarase ás 10:30 horas na antiga fábrica de conservas de Massó. Desde alí comezan os primeiros quilómetros que discorren por sendeiros a pe de mar que levan ás praias de Liméns e Nerga. A continuación, as e os participantes irán ata Cabo Home ou a praia de Melide, desde onde poderán gozar dunhas vistas da ría de Vigo e das illas Cíes. A ruta de Cangas discorre por un entorno natural privilexiado, a chamada Costa da Vela.

Esta é a última das DepoRuta BTT da Deputación. Deste xeito, a institución provincial organizou este ano un total de cinco DepoRutas BTT, que saíron desde Meis, Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e, nesta ocasión, Cangas. Esta iniciativa da institución provincial está estreitamente vinculada co turismo medioambiental, coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio, tanto da costa como do interior da provincia.