Noticias

Aberta a matrícula para o curso de Igualdade da Escola María Vinyals dirixido a persoal docente e alumnado da Universidade de Vigo

Tamén poderán inscribirse o profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial e da Consellería de Educación


02 outubro 2017
Escola María Vinyals

O curso de Formación en Igualdade organizado pola Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, abre ata o 13 de outubro o seu prazo de matrícula. A iniciativa está dirixida ao profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, ao profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial (Escola de Cantería, Escola de Enfermería, Centro Príncipe Felipe) e ao profesorado de centros de ensino dependentes da Consellería de Educación (educación infantil, primaria e secundaria). En total ofértanse 40 prazas que se cubrirán por estrita orde de inscrición.

A formación terá un carácter fundamentalmente práctico e constará de dous módulos, cada un deles cunha parte presencial de 30 horas e outra en liña de 20 horas. En total, a carga lectiva do curso será de 100 horas e as clases desenvolverase no Campus Universitario de Pontevedra. A formación será impartida o persoal especializado en materia de igualdade da Universidade de Vigo e ao finalizar cada un dos módulos, o centro expedirá unha certificación oficial correspondente a cada un deles.

O primeiro módulo (nivel I) realizarase de outubro a decembro de 2017 e, o segundo módulo (nivel II) levarase a cabo de xaneiro a marzo de 2018. As clases terán lugar os luns e xoves, de 17:30 a 20:30 h, estando previsto o comezo para o 23 de outubro.

A formación abordará desde os datos que xeran a desigualdade entre homes e mulleres, os mitos, barreiras e estereotipos, a lexislación en materia de igualdade, a violencia machista, a avaliación e a identificación de elementos sexistas no sistema educativo ate a linguaxe inclusiva non sexista, entre outros moitos temas.

A Escola de Igualdade María Vinyals, posta en marcha polo actual Goberno da Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo mellorar o coñecemento do que é e do que significa a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, desde unha perspectiva transversal, integrándoa non só no coñecemento profesional senón tamén no enriquecemento persoal. A escola pretende ser un espazo no que se imparta formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade á vez que un lugar de encontro e intercambio de saber para os equipos de profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e na procura da igualdade efectiva.