Noticias

A Xunta rexeita o proxecto de Deputación e Concello para mellorar o camiño da costa en Baiona

Patrimonio esixe reducir a senda peonil prevista de 2,5 metros de largo a "non moito máis dun metro"


28 xullo 2017
Camiño da costa

O proxecto da Deputación de Pontevedra para a ‘Mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria nas EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago pola Costa' no Concello de Baiona vén de ser rexeitado pola Xunta de Galicia. A Dirección xeral de Patrimonio emitiu un informe desfavorable que esixe que a senda peonil prevista na actuación cun largo de 2,5 metros sexa reducida a "non moito máis dun metro". Esta modificación, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, non será aceptada polo departamento de Mobilidade provincial, que presentará as correspondentes alegacións para que se cumpla cos criterios de "accesibilidade e seguridade" para os peóns.

Co novo proxecto, a Deputación pretende reordenar e optimizar o espazo das dúas estradas provinciais delimitando o uso de cada zona, executar unha senda peonil de xabre cunha sección útil de 2,5 metros na marxe esquerda, crear un miradoiro cunha zona de descanso e un pequeno aparcadoiro, renovar a iluminación e instalar elementos de calmado de tráfico.

Entre outras cuestións, o departamento autonómico de Patrimonio esixe na súa resolución que se debe "reducir a anchura da senda peonil", xa que "non é necesaria tanta dimensión para o paso", xustificándose en que para poder acadar a largura de 2,5 metros hai que facer "considerables desmontes afectando aos penedos e ás árbores existentes na zona". Patrimonio indica, así mesmo, que para obter un pronunciamento favorable con carácter definitivo debe revisarse o "excesivo largo" da senda "reducíndoa a non moito máis dun metro".

Ante estas esixencias, o deputado de Mobilidade explicou que actualmente na zona de actuación xa hai un arcén dun metro de largo polo que pasan numerosas persoas, tanto da veciñanza como peregrinos e peregrinas (que aumentan ano tras ano), que soportan perigos polo tráfico rodado existente, motivo que provocou a redacción do actual proxecto de mellora: "non tería sentido facer unha senda desas dimensións", argumentou.

Benítez lembrou que dous dos eixos prioritarios da Deputación á hora de realizar novas actuacións son cumplir criterios de seguranza viaria e accesibilidade universal para que os espazos públicos e as vías provinciais sexan aptas, sobre todo, para os colectivos máis vulnerables (persoas con mobilidade reducida, diversidade funcional e tamén crianzas ou persoas maiores). "As esixencias da Xunta deixan de lado eses criterios e para nós son unha cuestión insalvable", subliñou.

O goberno provincial, en calquera caso, unha vez coñecido o documento púxose mans á obra para solucionar as diferencias de concepto detectadas entre ambas institucións:  nos últimos días  os técnicos da Deputación reuníronse cos de Patrimonio, e o propio deputado intentou poñerse en contacto directora Xeral de Patrimonio e coa directora xeral de Turismo. O deputado tamén trasladou a resolución ao alcalde de Baiona -de quen partiu a solicitude do proxecto-, para que tamén o Concello tamén se dirixa ao Goberno galego e permita a actuación.

"Facemos un chamamento aos departamentos de Patrimonio e a Turismo da Xunta para que revoquen esta decisión e poidamos potenciar o Camiño de Santiago pola Costa con garantías de seguranza e accesibilidade para todos os usuarios", instou Benítez.

A chegada do informe autonómico, en calquera caso, vén de cancelar a sinatura do convenio de colaboración entre a institución provincial co Concello de Baiona, que estaba prevista para o vindeiro mércores, coa intención de sacar a licitación o proxecto e iniciar as obras canto antes.

Orzamento de 381.022,32 euros

A Deputación de Pontevedra xa aprobara na Xunta de Goberno celebrada o pasado 17 de xuño o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Baiona para levar adiante o proxecto nas EP-2202 e EP-2203. Este ten un orzamento de 381.022,32 euros, financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polas arcas locais.

Segundo indicou Benítez, a Deputación de Pontevedra "está concienciada" sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia, facendo especial fincapé nos treitos que transcorren por espazos que teñen un tránsito peonil elevado. O obxectivo para as obras de mellora na rede viaria provincial é "conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público".

O ámbito de actuación da obra de Baiona abrangue 675 metros da estrada provincial EP-2203 entre Baredo e Loureza (entre os P.Q. 2+625 ata o P.Q. 3+300) e outros 300 metros da EP-2202 Baiona-Loureza (dende o P.Q. 1+500 ata o P.Q. 1+800). Preténdese buscar un deseño que sexa comprensible polos usuarios, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade.