Noticias

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba máis de 60.000 euros para O Grove

Con este novo investimento o Grove chega ao 80,83% do Plan Concellos 2017 con máis de seiscentos mil euros aprobados


13 novembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova achega para o concello do Grove. En concreto recibirá un investimento de 60.010,93 € para substituír a actual rede de saneamento por unha que separe pluviais e fecais. Tamén se aproveitará a obra para mellorar o pavimento existente. Con esta axuda o Grove xa ten concedido o 80,83% do Plan Concellos, cun total de 628.057,97 €.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Grove  outros 363.304,82 € na liña 1 para a humanización da rúa Castelao, o bombeo do burato da Londra, a actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP9106, para o saneamento e pluviais na Praza de Arriba, o investimento dunha nova instalación lúdico deportiva en Confín e a mellora de parques infantís na vila do Salnés. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar ao Grove outros 30.000 €, na liña 2, para actuacións coma o premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, a gala municipal do deporte, a liga de fútbol sala municipal, as actividades do entroido, a carreira popular, o simposio internacional de escultura ao aire libre, a regata das dornas, o programa de dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero e os protocolos, programas e avaliación das actividades Vellos Tempos. Amais, a institución provincial tamén aprobou achegar 174.742,22 euros para a contratación de 26 persoas co fin de garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Con estes novos investimentos a Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas aos concellos da provincia por valor de máis de 39 millóns de euros, é dicir, o 95,78% do Plan Concellos 2017.