Noticias

A Xunta de Goberno da Deputación aproba subvencións por valor de 375.800 € para actividades e gasto corrente en 11 concellos da provincia

A institución provincial repartiu xa 12 millóns de €, é dicir, máis do 30 % do orzamento total do Plan Concellos 2016


10 abr 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova relación de subvencións, por valor de 375.800,41 €, para gasto corrente e actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais incluídas nas liñas 2 e 3 do Plan Concellos 2016. O Plan Concellos, o novo modelo da institución provincial que converte os municipios en protagonistas, está a poñer a disposición de 60 concellos da provincia 40 millóns de euros, distribuídos en catro liñas de axuda: investimentos, necesidades de gasto corrente, actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais e axudas para financiar o emprego. Da totalidade do plan, a Deputación de Pontevedra repartiu xa 12 millóns de €, é dicir, máis do 30 %  en tres meses e unha semana de 2016.

En concreto, a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou a sexta relación de subvencións da liña 2 do Plan Concellos, por valor de 243.570,18 €, destinada aos concellos da Guarda (106.945,39 €), Portas (54.971,46 €), Vilaboa (66.153,33 €) e Vilagarcía de Arousa (15.500 €) para poder afrontar o pagamento de gasto corrente, acredores de investimentos e amortización.

Con esta concesión a Deputación de Pontevedra outorgoulles xa 2.057.875,29 € da liña 2 do Plan Concellos 2016 aos municipios da provincia, o que supón preto de 35 % do total (5.967.389,99 €) destinado ao pagamento de gasto corrente, acredores de investimentos e amortización.

Tamén a Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha nova relación de subvencións, a sétima da liña 3 do Plan Concellos, da que se van beneficiar os municipios de Cuntis (8.000 €), A Estrada (23.437,26 €), O Grove (6.000 €), A Guarda (8.450 €), Oia (3.970 €), Ponte Caldelas (18.613,45 €), O Rosal (19.288,52 €), Vilagarcía de Arousa (22.681 €) e Vilanova de Arousa (21.790 €), por valor de 132.230,23 €, con destino a actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais. En concreto, a través desta actuación os concellos poderán levar a cabo, entre outras cuestións, feiras históricas, dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero, premios de novelas, festas, feiras do libro, andainas, torneos deportivos, intercambios culturais, actividades infantís, ludotecas, actividades para o verán, teatro, así como impulsar conservatorios de música.

Coa aprobación da sétima relación de axudas da liña 3 do Plan Concellos, a institución provincial adxudicou xa 1.017.951,7 € desta liña, o que supón máis do 70 % do total (1.491.847,7 €) destinado a actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais.

Ademais, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para a contratación, mediante o procedemento aberto, da subministración de 32 desfibriladores para instalar en municipios da provincia de Pontevedra, así como a formación do persoal para o seu emprego. A través desta actuación a institución provincial pretende dotar os espazos públicos desta ferramenta imprescindible para aplicar no caso de paradas cardiorrespiratorias, taquicardias ou fibrilacións ventriculares, a causa máis frecuente de morte súbita. A contratación dos desfibriladores inclúe, ademais, a formación do persoal dos espazos públicos para o seu correcto emprego.

Esta subministración responde á subvención que se aprobou en novembro de 2015, por valor de 200.000 €, destinada a concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes para, entre outras cuestións, a dotación de desfibriladores. En concreto, a achega estaba destinada, preferentemente, aos concellos que teñen nas súas instalacións públicas menos de tres desfibriladores, tendo prioridade os que non recibisen ningún en anteriores convocatorias.