Noticias

A Xunta de Goberno da Deputación aproba subvencións, por valor de 137.290 euros, para actuacións culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais en 8 concellos

En tres meses a institución provincial repartiu preto de 11 millóns de euros, é dicir, máis do 27 % do orzamento total do Plan Concellos 2016


04 abr 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova relación de subvencións, por valor de 137.290,34 €, para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais incluídas na liña 3 do Plan Concellos 2016. Este plan, o novo modelo da institución provincial que converte os municipios en protagonistas, está a poñer a disposición de 60 concellos da provincia 40 millóns de euros distribuídos en catro liñas de axuda: investimentos; necesidades de gasto corrente; actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais; e axudas para financiar o emprego.

A través desta nova relación de subvencións, a sexta da liña 3, beneficiaranse os concellos de Agolada, Arbo, Bueu, Caldas de Reis, Mos, Nigrán, Pontecesures e Vilaboa para poder levar a cabo, entre outras cuestións, campionatos de quad e birlos, campamentos musicais, mostras de artesanía, certames de corais, festas e feiras, carreiras, festivais musicais, guías de sendeiros, festivais infantís, mostras de viño ou trofeos de fútbol.

Coa aprobación da sexta relación de axudas, a Deputación de Pontevedra entregou xa o 41 % do contemplado na liña 3 do Plan Concellos 2016 nos tres primeiros meses do ano. Da totalidade do plan, a institución provincial, antes de rematar o primeiro trimestre de 2016, repartiu xa 10.781.000 €, é dicir, máis do 27 %.