Noticias

A Xunta de Goberno aproba o programa integrado de emprego "Depoemprega 2016"


04 xul 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto "Depoemprega 2016", unha iniciativa da institución provincial que foi presentada á convocatoria pública de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.

A subvención solicitada pola Deputación provincial foi por un importe de 26.106,50 € para o exercicio 2016 e de 78.319,50 € para o ano 2017, unhas cantidades ás que se suman as achegas da institución provincial de 6.526,62 e 19.579,87 €, respectivamente. Isto fai que o proxecto plurianual "Depoemprega 2016" conte cun investimento de 130.532,49 € na súa totalidade, dos cales 32.633,12 € se corresponden co presente ano e, 97.899,37 €, ao exercicio 2017. As achegas da Xunta de Galicia supoñen o 80% do total, mentres que a institución provincial se fai cargo do 20% restante do orzamento.

Este programa integrado de emprego con intermediación laboral está destinado ás persoas con discapacidade, ás mulleres vítimas da violencia machista e ás menores de 30 anos, todas elas desempregadas, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade das persoas participantes da provincia de Pontevedra. A data de inicio prevista é o 1 de setembro de 2016 e, a de fin, o 30 de agosto de 2017, tendo un prazo máximo para o seu desenvolvemento de 12 meses.

"Depoemprega 2016" combinará accións de información, orientación e asesoramento, de formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, de técnicas de coaching e de motivación para a busca de emprego, de habilidades sociolaborais e talleres de entrevista, de fomento da capacidade emprendedora, de formación ocupacional, de prácticas profesionais non laborais, de mobilidade laboral e todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego.

Na actualidade segue en funcionamento o programa "Depoemprega 2015", correspondente ao exercicio 2015-2016, e do que están a ser beneficiaras persoas dos concellos de Bueu, Cangas, A Estrada, O Grove, Ponteareas, Tui e Vilagarcía de Arousa. Algunhas das actividades que se desenvolven ao abeiro deste programa son un curso de Excel avanzado, un obradoiro presencial sobre manipulación de alimentos, o "Obradoiro de emprego 2.0" ou "A entrevista de traballo". Nesta ocasión, as persoas beneficiarias deberon cumprir algún dos seguintes requisitos: ter algunha discapacidade, ser menor de 30 anos e contar cunha baixa cualificación, ser perceptora de prestacións, recibir algún subsidio por desemprego ou renda activa de inserción, ser beneficiaria do programa de recualificación profesional, ou ben ser muller ou persoa desempregada de longa duración.