Noticias

A Xunta de Goberno aproba as bases para as axudas as cooperativas agro-gandeiras e para as confrarías e asociacións de mariscadores e mariscadoras


13 mai 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases reguladoras das axudas para as cooperativas e asociacións agro-gandeiras e as bases para as confrarías de pescadores e as asociacións de mariscadores e mariscadoras da provincia. Así o destacou a  Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen en rolda de prensa recordou a importancia de estas axudas como apoio aos sectores primarios de Pontevedra.

Carmela Silva subliñou que  por primeira vez as agrupacións de mariscadoras e mariscadores podan acceder a esta liña de axudas de xeito directo "xa que consideramos que teñen que contar cun instrumento de apoio as súas actividades dado a importancia que teñen os mariscos na nosa oferta gastronómica".

Ambas liñas de axudas, tanto as agrarias como as pesqueiras, teñen un orzamento de 200.000 euros cada unha e poderán solicitarse unha vez sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia.

No caso das cooperativas agro-gandeiras os investimentos que poden solicitar axudas son aqueles dirixidos á comercialización e valorización das producións, a  formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e do aforro enerxético;  os investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa como axudas a investimentos para obras, construcións, equipamentos, instalacións, reparacións en edificios e accesos os mesmos, axudas para adquisición de equipos e sistemas informáticos, mobiliario e calquera outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos prestados polos beneficiarios aos seus socios.

O máximo da axuda será do 50 por cento do orzamento e queda excluída a compra de maquinaria tal e como as propias cooperativas solicitaron xa que teñen axudas da Xunta para este fin.

No caso das axudas as confrarías, as súas federacións e as asociacións de mariscadoras e mariscadores poderán ser destinadas á  comercialización e valorización das producións;  a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e a súa  federación;  a divulgación e  posta en uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e do aforro enerxético;  o material para a vixilancia das producións;  os investimentos para mellorar os servizos prestados, entre os que se atopan os investimentos para construcións, equipamentos, instalacións, reparacións en edificios, mantemento dos locais das confrarías e lonxas; e , por último as axudas para adquisición de equipos e sistemas informáticos,  mobiliario e calquera outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos prestados polos beneficiarios aos seus socios.

As axudas ao sector pesqueiro e marisqueiro estarán comprendidas entre o 20 e o 80 por cento do orzamento que as entidades presenten.