Noticias

A xornada Muller e Poder enche de igualdade o castelo de Soutomaior e pecha a tarde cos relatorios de Mercedes Boix, Desirée Vila e África González

Boix destacou o poder das xornalistas como clave para a mobilización das mulleres; Vila deu unha lección de vida coa súa historia persoal de atleta paralímpica e González puxo o aceno na necesidade de que as rapazas escollan carreiras STEN


03 abril 2019
Xornada Muller e Poder

A presidenta da Deputación, Camela Silva, clausurou esta tarde Muller e Poder, a xornada anual da Escola María Vinyals no castelo de Soutomaior, sinalando que "nestes 4 anos confirmamos esta escola como un espazo de encontro para a cidadanía polo que fago un recoñecemento a todas e a todos que a fixeron posible". A presidenta provincial definiu a escola como un lugar "para reflectir, para formarnos e para que entendamos que o feminismo é a filosofía máis potente nunca creada, baseada nun mundo de igualdade onde todos e todas tiñamos o que nos corresponde. O feminismo hai que estudialo, coñecelo, saber que somos herdeiras de mulleres pioneiras pero tamén que trátase dunha filosofía que ten futuro e iso quedou moi claro escoitando mulleres tan novas como as que escoitamos aquí". Silva finalizou a súa intervención mostrando o seu orgullo. "Estou moi satisfeita destes catro anos pero si de algo estou orgullosísima e da creación desta escola porque non hai nada polo que mereza máis a pena que traballar para conseguir a igualdade".

Antes da clausura, "Poder e comunicación. A axenda pendente" foi o relatorio escollido pola xornalista Montserrat Boix, na xornada anual Muller e Poder, da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra. Boix, profesional dos informativos da sección internacional de TVE, creadora de "Mujeres en Red", repasou fitos da historia do feminismo e o papel desenvolvido por feministas que están a confluír na actualidade en movementos como o "Me Too" ou o arxentino "Nin unha menos", no que as profesionais dos medios de comunicación tiveron un papel fundamental. Neste eido, recordou a figuras como Eleanor Roosevelt, Hansa Metha ou Minerva Bernardino, claves na Declaración dos Dereitos Humanos e que permitiron substituír a palabra "home" por "seres humanos" no artigo "todos os seres humanos nacen libres e iguais". Todas elas, xunto a referentes como Simone de Beauvoir, Gloria Steiman, Marcela Lagarde ou Browmiller, mulleres clave e ás veces desaparecidas, cuxo poder e cuxas ideas e teorías son as que hoxe conforman movementos como o Me Too e outros moitos "que configuran un movemento global no que as xornalistas e o seu poder mediático son elementos clave para o éxito da mobilización", destacou Boix.

Tamén afondou a xornalista en cuestións "que nos afectan a todas como o teito de cristal, o acceso aos postos de dirección, os salarios, pero tamén as fake news que se ceban especialmente nos temas de igualdade". Ante isto, segundo Boix, hai "ferramentas para ser útiles como pelexar nas propias redaccións, participar en organizacións profesionais de comunicación, no activismo feminista, pero tamén consolidar e recuperar a nosa historia, a historia do feminismo, que estamos como estamos porque mulleres, fai moitos anos e en movementos moito máis difíciles que os actuais, apostaron por pelexar polos nosos dereitos. E esta é a axenda pendente".

Trala intervención de Boix, deu comezo a conferencia de Desirée Vila sobre "Muller deportista, muller loitadora". Desirée, de tan só 20 anos, un dos exemplos de superación máis admirables, é ximnasta acrobática e atleta internacional paralímpica. A súa intervención, chea de humor, centrouse na súa experiencia persoal como muller deportista de elite e con diversidade funcional, afondando na dobre discriminación de ser muller e de practicar deporte adaptado, nas desigualdades existentes para acadar premios por méritos deportivos, procurar patrocinios ou cobertura mediática. Vila sinalou que "as mulleres temos menos bolsas, menos recoñecementos e tamén menos repercusión aínda que tiñamos méritos deportivos. Gañei mundiais en non saín nos medios, pero cando tiven o accidente e puxéronme a prótese saín en todos os medios polo morbo". A deportista tirou do humor para atopar saídas positivas a un drama persoal. "A miña prótese sérveme de filtro anti mozos superficiais. Cando saben dela poden interesarse, obvialo ou darme unhas palmadas e irse. E cando pasa isto último, alégrome de non ter perdido un minuto de máis con quen non paga a pena".

Pola súa banda, a científica África González pechou as conferencias da xornada con "Perseguindo unha meta". González é médica especialista en inmunoloxía, catedrática na Universidade de Vigo, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoImmuno Tech (NIT). Na súa intervención, a científica afondou na súa propia experiencia como profesional neste ámbito, desde os acontecementos que marcaron a súa vida ata o traballo que desenvolve actualmente, e fixo fincapé na importancia que ten que as rapazas estudien carreiras técnicas. "No campo das STEM hai un problema moi serio porque as mulleres non se están a matricular. Como perdamos ese tren perderemos tamén o futuro". Dos 5 centros de investigación singular en Galicia catro son dirixidos por homes e só un por unha muller.

Fotos