Noticias

A Xenealoxía e a Heráldica convocan un centenar de persoas na Escola de Cantería

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, avogou pola preservación, o estudo e a difusión do patrimonio cultural en todas as súas manifestacións


06 abr 2016
Heráldica

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, salientou, durante a apertura das Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, "a importancia de preservar o patrimonio cultural galego en todas as súas manifestacións, estudándoo e dándoo a coñecer a través de citas específicas coma a que hoxe nos reúne aquí". Na sesión inaugural da décimo sexta edición destas xornadas acompañaron ao deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a deputada de Emprego, Montse Magallanes, e o presidente da Asociación de Xenealoxía, Carlos Acuña.

Xosé Leal aproveitou a súa intervención para poñer de manifesto "a relevancia que sempre tivo no noso país a arte patrimonial en pedra e, máis concretamente, na nosa historia xenealóxica". Ao fío da materia obxecto das xornadas, o deputado de Cultura e Lingua fixo referencia a que unha das figuras máis representativas da cultura galega, que este ano está a homenaxear a Deputación, Daniel Alfonso R. Castelao, tamén destacou polo estudo e a documentación da simboloxía heráldica e nobiliaria de Galiza. Puxo como exemplo que na relación entre Castelao e a cidade de Pontevedra apréciase o estudo que o artista e político realizou da heráldica da cidade, o que "quedou perfectamente evidenciado e constatado na proposta que Castelao fai cando deseña o novo emblema da súa Galiza ideal, utilizando como imaxe principal a serea que aparece no pazo dos Mariño da praza do Teucro desta cidade". Destacou, ademais, que na década de 1920 participou na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que precisamente tiña como obxectivo o estudo e a preservación de elementos patrimoniais. Por último, Xosé Leal volveu incidir na importancia que desde o departamento provincial de Cultura e Lingua se lle concede á conservación patrimonial en todas as súas representacións.

As Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia contan nesta edición con preto de 100 persoas inscritas. A quenda de relatorios comezou cunha intervención de Carlos Acuña Rubio que tivo por título "Escultura funeraria da nobreza en Galicia: séculos XII e XIII".  Na súa exposición Acuña Rubio fixo un percorrido centrado nos cabaleiros que formaban parte da aristocracia señorial da época sinalada e tratou de profundar na pegada pétrea e na arte dos artesáns que traballaban nos monumentos funerarios da nobreza galega, en homenaxe aos mestres canteiros e á propia Escola de Cantería, na que teñen lugar as xornadas. Este evento, organizado polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, desenvólvese en sesión de tarde (a partir das 17:00 horas) e remata o vindeiro venres.