Noticias

A veciñanza de Mondariz estrea os seus primeiros composteiros do Plan Revitaliza

A charla de formación do persoal técnico da Deputación e de Amigos da Terra resultou un éxito de participación e de interese no Plan Revitaliza


22 xuño 2018
Reparto composteiros Mondariz

A veciñanza de Mondariz respondeu con éxito ao primeiro reparto de composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Na mañá de hoxe entregáronse 60 composteiros a outras tantas familias da vila, que os instalarán nas súas parcelas para tratar os seus biorresiduos ‘in situ' en lugar de botalos no colector verde e contribuír así ao novo modelo de xestión de residuos que pretende implantar o Concello.

O auditorio do local social foi o lugar escollido para realizar a primeira reunión de formación . Alí as persoas presentes atenderon ás indicacións do persoal técnico da Deputación e de Amigos da Terra para coñecer como é o proceso de compostaxe e recibir un composteiro individual (COIN) de 300 litros, un manual de compostaxe, un remexedor, e un termómetro.

O técnico de Amigos da Terra (AdT) Gustavo Cochón apuntou cuestións xerais sobre a onde vai o lixo xeral que se produce, que máis da metade é de tipo orgánico, e que este se pode aproveitar como un recurso para producir compost. Explicou os beneficios da compostaxe, como se debe instalar o composteiro individual na parcela, os materiais compostables e os que non se deben botar, así como a importancia extrema de aportar estruturante cando se depositan restos orgánicos. Tamén engadiu que durante os primeiros 12 meses nos que a veciñanza estea compostando recibirá visitas das técnicas de Amigos da Terra nas casas para comprobar que o proceso se fai correctamente, medindo todos os parámetros, resolvendo dúbidas e recollendo datos. Finalmente detallou cales poden ser os usos do compost na terra e como utilizalo para tirarlle o maior proveito.

Nas vindeiras semanas o Concello de Mondariz e o persoal técnico continuará a facer novas charlas formativas por outras parroquias, para o que se seguirá a convocar á veciñanza mediante chamadas telefónicas directas. En calquera caso, todas as persoas interesadas en coñecer en que consiste a compostaxe ou resolver dúbidas poden acudir ás charlas e preguntar ás mestras composteiras e ao persoal de AdT.

O Concello de Mondariz será un dos primeiros de Galiza en aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo e cumprirá sobradamente coas futuras normativas que esixen que en 2020 se composte ou recolla o 100 % dos biorresiduos de maneira separada. A Deputación concedeulle unha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza que permitirá ao Goberno local contar cun Plan de Residuos específico para o municipio e unha axuda económica de 306.030,10 euros, o que supón  case o 90 % do orzamento solicitado para adquirir composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios.

Grazas a esta subvención o Concello poderá repartir 1.200 composteiros individuais, módulos para instalar 15 centros de compostaxe comunitaria, un camión de caixa aberta con grúa, unha trituradora e crear 11 puntos verdes en cada parroquia e un punto verde central situado na Lagoa.