Noticias

A veciñanza de Barro xa conta coa nova piscina municipal financiada pola Deputación de Pontevedra con máis de 350.000 euros

Carmela Silva. "Declárome fan absoluta desta piscina porque ten unha estética e unhas vistas que a converten nun dos mellores equipamentos da provincia"


19 xullo 2019
Inauguración piscina municipal de Barro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, o deputado Carlos Font e integrantes do goberno municipal, inaugurou esta tarde a nova piscina pública municipal de Barro. O equipamento, que ten como finalidade mellorar e dar servizo á práctica deportiva da veciñanza da vila, contou cun orzamento de 358.488,72 euros, e foi financiado ao cen por cen pola Deputación de Pontevedra con 286.790,44 euros a través do Plan de Reequilibrio, e 71.697,75 euros do Plan Concellos.

A presidenta provincial, que descubriu unha placa xunto ao alcalde, declarouse "fan absoluta desta piscina porque teño visto poucas dotacións deste tipo con este nivel, cunha estética marabillosa e, por enriba, cunhas vistas espectaculares". Silva felicitou amais ás persoas autoras do proxecto "porque ten algo fundamental que no século XXI debe estar en todos os sitios que son ramplas e medidas de accesibilidade que permiten que todas as persoas con calquera dificultade poidan desfrutar da piscina". A presidenta lembrou que "todos os pobos, todas as persoas da provincia, toda a veciñanza, vivan onde vivan, teñen dereito a ter todos os servizos e todos os equipamentos. E a Deputación o que fai é garantilo porque é a súa obriga facelo". Silva tamén agradeceu ao goberno de Barro "a súa cordialidade, lealdade institucional e a súa colaboración coa Deputación en todo o que traballamos xuntas e xuntos estes anos"

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, mostrou a súa ledicia "por poder cumprir hoxe un dos obxectivos do goberno, que sempre tivemos en mente, e que en 2017 podemos conseguir a financiación cando a Deputación puxo en marcha o Plan de Reequilibrio". "Foron moitas horas de traballo pero ben empregadas e con moito cariño" dixo o alcalde, que enxalzou ao persoal municipal polo seu esforzo. "Estou seguro, sinalou, que amais dunha instalación para refrescarse no verán, esta piscina será un espazo de convivencia. Crear este tipo de espazos, rematou, paga a pena porque creo que conseguimos que a xente sexa máis feliz".

As instalacións da nova piscina están situadas nunha parcela de propiedade municipal no lugar de Outeiro, parroquia de Santa María de Perdecanai, a uns 500 metros do centro da vila e fronte ao instituto. O proxecto comprendeu a instalación dunha piscina de 25x10 metros, outra para nenos de 8x6 metros, a execución da urbanización exterior consistente nun peche perimetral e a edificación na planta baixa de espazos para servizos que cumpran as necesidades normativas para piscinas de uso público. En canto ao horario, as instalacións estarán abertas de luns a sábado de 15 a 21 horas, e os domingos permanecerán pechadas durante todo o día.

5 millóns de euros no primeiro mandato

Nos catro anos do anterior mandato, a Deputación de Pontevedra investiu en Barro preto de 5 millóns de euros en todas as áreas de goberno, o maior investimento da historia da Deputación neste Concello. De feito, no Plan Concellos 2019, a institución provincial achegou ao municipio 441.102,74 euros, un 3,16% máis que no exercicio anterior. Amais, o concello de Barro tamén foi beneficiario do Plan de Reequilibrio con 286.790,97 euros para o proxecto da citada piscina municipal, e do Plan DepoRemse con 68.202,43 euros para a mellora de seguridade viaria en distintos lugares do concello.

Fotos