Noticias

A UNED de Pontevedra pon en marcha dous novos cursos de verán co apoio da Deputación Provincial

Migracións no Século XXI e O Mundo Literario de Julio Camba son as actividades que se levarán a cabo entre o vindeiro 18 e 20 de xullo nos concellos de Portas e Pontevedra


15 xullo 2018
Cursos de verán en Pontevedra e Portas

O Centro Asociado da UNED en Pontevedra porá en marcha o vindeiro mércores, 18 de xullo, dous novos cursos de verán nos concellos de Portas e de Pontevedra. O Goberno provincial financia estas actividades, que rematarán o próximo venres 20 de xullo, ao igual que xa fixera o verán pasado co financiamento dos cursos realizados pola UNED.

Máis polo miúdo, Migracións no Século XXI: Unha Visión Socioeconómica Internacional, dirixido por Víctor Manuel González Sánchez, vai ter lugar no Centro Asociado da UNED de Pontevedra e tamén de forma online. Este curso pretende ofrecer unha visión internacional e multidisciplinar dun tema tan de actualidade como é a migración nos nosos días. Durante as 20 horas lectivas das que consta a actividade abordarase a importancia das políticas de integración das persoas migrantes ao tratarse dunha parte da poboación normalmente en situación de vulnerabilidade.

Pola súa banda, na Aula da UNED en Portas ou online vaise desenvolver o curso O Mundo Literario de Julio Camba, dirixido por Javier Varela Tortajada, e no que se abordará a obra do autor desde múltiples ópticas, entre outras, as amizades, a gastronomía, as viaxes ou o humor.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, María Troncoso Abalo, asinaron o pasado mes un convenio de colaboración para a realización destas actividades. Mediante o acordo asinado, o Goberno provincial financiou a posta en marcha dos cursos O Lado Escuro do Comportamento. Como a Ciencia Aprende dos Erros Humanos, Migracións no Século XXI: Unha Visión Socioeconómica Internacional e O Mundo Literario de Julio Camba.