Noticias

A Transición: do discurso pactado e dulcificado á crítica ao consenso imposto

A Deputación de Pontevedra comezou hoxe as II Xornadas de Memoria Histórica. Na Loita contra a Impunidade que este ano levan o título ‘A Transición. Outro discurso é posíbel'


11 setembro 2020
Memoria Histórica

As Xornadas de Memoria Histórica da Deputación que hoxe comezaron no Pazo da Cultura puxeron sobre a mesa a necesidade de cuestionar o discurso pactado do 78, homoxéneo e acrítico sobre os actores, institucións e organismos implicados na Transición, así como o papel vivido na Galiza no paso da ditadura á democracia.  Desde diferentes perspectivas, os profesores Ángeles Diez e Xulio Prada, así como a impulsora da Xunta Pro Devolución de Meirás Goretti Sanmartín e Xabier Ferreira, autor do informe xurídico para a devolución, falaron da francocracia, da non existencia dunha ‘transición galega', da simbólica vitoria sobre a familia Franco, que dará azos para reivindicar máis patrimonio espoliado, para dar paso pola tarde a unha visita á Illa de San Simón reivindicada por Luís Bará como Illa da Memoria.

A xornada abriuse coa intervención da deputada provincial María Ortega, que sinalou que é preciso "abrirse aos matices" e a non asumir a "dulcificación e consenso" imposto no relato da Transición. Indicou que a día de hoxe é preciso cuestionar e reformular actores e institucións: "Os acontecementos fan que estas xornadas sexan máis precisas ca nunca. Moita xente na sociedade estase a reformular o papel da Coroa e a necesidade de repensar o discurso para ter unha democracia madura. Hoxe é o inicio de curso para moitas e moitos escolares. A nosa primeira disciplina é a de axudar a medrar a democracia e achegar esa necesaria luz sobre o discurso imperante", afirmou.

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reclamou un relato propio para Galiza máis aló do relato oficial centralista, un relato galego. "Precisamos voces e miradas propias coas que construír e difundir o noso relato, que dea cabida ao acontecido no noso país, que integre a maior pluralidade de enfoques e sectores posible, e que faga xustiza á semente que todos os mártires da liberdade daquel tempo nos deixaron en herdanza", afirmou, para engadir que como alcalde dunha cidade que leva máis de 20 anos traballando a prol dun relato máis equilibrado e máis fidedigno co acontecido naquela altura histórica, "non podo máis que saudar con agrado esta xornada que hoxe comeza".

Francocracia

O relatorio inaugural foi protagonizado pola doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Complutese, Ángeles Diez, quen destacou que na chamada Transición Española houbo tanto continuidade como novidade, pero nun período que significou a consolidación dun réxime que nin sería democrático nin xa franquista, o que ela denomina ‘francocracia', entre o 1966 e o 1986, pero que continúa ata hoxe, e que "supuxo un novo trauma histórico que se engadiu ao trauma previo do golpe de Estado e a guerra de resistencia posterior".

Diez tamén salientou que a chave dos múltiples relatos sobre a Transición é a necesidade de construír un relato homoxéneo para destruír unha memoria colectiva e habilitar unha "memoria do presente": "A memoria compartida dos realmente protagonistas e vítimas négase mediante tres tópicos: unha transición pacífica, consensuada, e a única posible", destacou.

Así mesmo, a profesora tamén aproveitou para falar da emerxencia dun partido fascista como VOX, debullado do tronco do PP, que "visibiliza a continuidade ideolóxica e cultural que nunca abandonou os partidos e as institucións e tamén é síntoma de como se decantan importantes masas de poboación cara a un fascismo social reactivado". "Cada rama nova desta democracia postfranquista, cada liderado político, cada escollo xurídico, cada reforma institucional, agromou do mesmo tronco franquista. E non poderá ser doutro xeito mentres non se faga xustiza e se remate coa impunidade dos que de forma sistemática e continuada, foron infrinxindo terribles sufrimentos a este país, mentres non se poña voz aos protagonistas reais da Transición, aos que non se lles recoñeceu a loita, aos que se seguiu tratando como perdedores que debían aceptar o realismo das reformas posibles, ou, dito doutro xeito, dunha continuidade moderna e normalizada", indicou.

Máis centrado no acontecido en Galiza, o profesor Xulio Prada fixo un percorrido polas visións, enfoques e lecturas da Transición en Galiza, facendo a pregunta de se realmente houbo unha Transición galega ou simplemente unha Transición en Galiza, inclinándose pola segunda opción. Prada destacou a necesidade de abordar os acontecementos no país non só desde unha perspectiva política, senón tamén poñendo de relevancia os acontecementos sociais que marcaron a época, cunha explicación complexa. Puxo de relevo, así mesmo, que na Galiza, desde o punto de vista historiográfico bótanse en falta testemuñas, memorias de protagonistas do cambio político, a transición e os inicios da autonomía en contraposición coa proliferación estatal.

Meirás

A xornada da mañá pechouse coa participación de Goretti Sanmartín, impulsora da Xunta Pro Devolución de Meirás desde a Deputación da Coruña, e do autor do informe xurídico sobre o Pazo, Xabier Ferreira. A nacionalista valorou a importancia do éxito da sentenza coñecida nos últimos días, que insta á devolución do pazo ao pobo, baseada nun modelo de traballo colaborativo no que se uniu "a mobilización social, a investigación, a divulgación e tamén o compromiso institucional". A exvicepresidenta da Deputación da Coruña fixo un percorrido no tempo dos pasos dados desde a institución provincial que derivaron na situación actual, sinalando "que era preciso que o organismo provincial, que participara no seu momento na Xunta do Pazo para o Caudillo, dese a volta á situación e se producise unha reparación".

"A sentenza non é o punto final. Non é firme e sabemos que o proceso será longo, pero é osíxeno, é a primeira vitoria sobre o franquismo e ten o valor de tela feito desde aquí. É o resultado do traballo dun país tras décadas de loita", dixo, para sinalar que dá azos para ir tras outro patrimonio espoliado polos Franco: "Marca un antes e un despois", resaltou, para criticar a postura de Feijóo, ao que instou a que

se quere ser pioneiro "vaia preparando a transferencia do pazo a Galiza cando pase a ser patrimonio público e impida que a Fundación Francisco Franco se encargue da xestión das visitas", finalizou.

Pola súa banda, Xabier Ferreira, manifestou que a sentenza de Meirás é a primeira vez na historia xudicial española que pon en cuestión os negocios xurídicos da ditadura, "froito da coacción, a simulación e a mentira". Indicou que o debate nos vindeiros recursos basearase fundamentalmente no uso que se lle deu ao pazo, xa ben particular pola familia Franco, ou por parte do ditador por ser Xefe do Estado.

A xornada finalizou pola tarde cunha visita á Illa de San Simón, onde o integrante da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) Matías Matías Rodríguez realizou un percorrido comentado, e onde o deputado Luís Bará falou das políticas públicas de memoria na Galiza, e da necesidade de declarar a illa como Illa da Memoria fronte á deturpación actual cando se utiliza como "parque de atraccións". Pechou o día de maneira emocional, Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e filla de Eduardo Otero Molas, preso en San Simón, que falou da loita civil pola memoria das vítimas.

Mañá sábado estará en Pontevedra Cristina Fallarás, xornalista crítica co papel dos medios de comunicación no relato da Transición. Tamén Jacinto Lara, Irene Francés e Jana Calero, integrantes da equipa da avogacía da querela arxentina (CeaQua), para dar paso logo a unha homenaxe ao represaliado Chato Galante, que faleceu este ano, sobre o que se emitirá un vídeo conmemorativo.

Xa pola tarde haberá unha mesa redonda con Tareixa Navaza; Margarita Ledo; Xurxo Souto e Santi Cortegoso e un monólogo de Alberto San Juan titulado Autorretrato de un joven capitalista.

Fotos