Noticias

A transformación da provincia de Pontevedra a través da recuperación do espazo público, protagonista no I Foro Urbano de España

Carmela Silva: "O mundo local ten tomado decisións revolucionarias porque ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación o a Igualdade"


05 outubro 2021
Foro España

O modelo transformador da Deputación de Pontevedra, que pasa pola recuperación do espazo público para as persoas como un dos motores para o impulso económico, a cohesión social e a igualdade no ámbito dunha recuperación económica xusta, ocupou a primeira das mesas de alto nivel do I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais, que ten lugar en Sevilla e que hoxe inaugurou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tomou parte na mesa sobre Transición Ecolóxica e Modelo de Cidade e reivindicou o papel imprescindible da Administración local como principal axente para o cambio nos contornos urbanos a partir da toma de "decisións revolucionarias".

Carmela Silva, que está en Sevilla acompañada polos deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e Mobilidade, Uxío Benítez, definiuse como unha "política polémica", entendendo este concepto como a necesaria valentía para levar a cabo as transformacións que a sociedade demanda ás Administracións públicas. "As persoas deben estar no centro de todo e os discursos deben cambiar". Durante a súa intervención criticou as concepcións laxas sobre a cogobernanza e reivindicou o principio de subsidiariedade: "é no mundo local onde ocorre todo, onde se desenvolve a economía, onde se prestan os servizos, onde están os equipamentos que garanten a calidade de vida". "O mundo local toma decisións que moitas veces se ven entorpecidas polas competencias autonómicas e mesmo polas estatais e europeas, así que resulta imprescindible que a cogobernanza pase pola subsidiariedade para que cada Administración faga aquilo que mellor sabe facer".

Durante o diálogo, no que tamén tomaron parte María José Rallo, secretaria xeral de Transporte do Ministerio de Transportes; María Pappas, tesoureira do condado de Cook, en Chicago-Illinois; Arcadi España, conselleiro de Política Territorial da Generalitat Valenciana; Francisco Oliva, reitor da Universidade sevillana Pablo de Olavide; Inés Sánchez, directora da cátedra Unesco de Xénero da Universidade Politécnica de Madrid e Antonio Serrano, economista, a presidenta da Deputación defendeu o papel que están a xogar os concellos de toda España: "ocórrenseme moitos exemplos de transformación e todos son locais; desde o local téñense tomado decisións revolucionarias porque se ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación ou a Igualdade. É nese espazo público onde a xente se relaciona e socializa, recuperando ámbitos e lugares que estaban tomados polos vehículos a motor, vehículos que non só ocupaban o espazo, senón que xeraban enfermidades".

Carmela Silva insistiu en que a cogobernanza resulta difícil "cando se entende o poder como o simple exercicio do poder, pero resulta sinxela cando se entende como o traballo de perseguir e lograr o ben común". Neste senso reivindicou o cambio producido na Deputación de Pontevedra "que pon en marcha todos os proxectos de transformación ecolóxica, igualdade, dixitalización e cohesión social pactando cos 61 concellos da provincia. É unha cuestión de vontade e de comprender que temos un reto moi grande por diante". Engadiu que cando se funciona deste xeito, "as nenas e nenos recuperan a cidade como espazo de xogos, os maiores e dependentes deixan de estar recluídos nos seus domicilios e as mulleres, "que seguen a soportar case en exclusiva a carga dos coidados", atopan rúas e prazas pensadas para elas".

A presidenta da institución provincial recalcou, dende a experiencia, na necesidade de fuxir dos conceptos teóricos sobre os distintos niveis da Administración e pasar á práctica, especialmente nos momentos que estamos a vivir, afondando no concepto de gobernanza en favor dos gobernos locais. Finalmente, reivindicou que é precisamente nesta etapa de recuperación trala pandemia cando que, por primeira vez, está a terse en conta ao mundo local, como demostra o feito de que está a terse en conta a voz dos concellos e das deputacións na xestión dos fondos europeos Next Generation.