Noticias

A tramitación dos expedientes plenarios da Deputación será electrónica a partir de outubro

Entre xuño de 2016 e xuño 2017 tramitáronse un 30 % máis de expedientes electrónicos que no mesmo período comprendido entre 2014 e 2015


25 agosto 2017
Administración electrónica

O proceso de administración electrónica que se está levando a cabo internamente desde a Deputación de Pontevedra vai permitir que, a partir do mes de outubro deste mesmo ano, a tramitación dos expedientes plenarios sexa realizada de maneira completamente dixital.

Deste xeito, a partir desta data a Corporación provincial ao completo, todos os deputados e deputadas, poderán acceder á documentación do Pleno da institución provincial a través da plataforma de administración electrónica coa que conta a Deputación de Pontevedra. A institución provincial avanza así no seu compromiso de ser unha entidade referente no referente ao uso das novas tecnoloxías nas Administracións públicas para facilitar tanto as tramitacións internas como a relación que estas teñen co conxunto da cidadanía.

Ademais, a Deputación de Pontevedra tramitou de maneira electrónica preto de 50.000 expedientes no período que transcorre entre xuño de 2016 e xuño de 2017. Isto foi así grazas a que o persoal do Departamento de Novas Tecnoloxías desenvolveu unha serie de novos procedementos electrónicos para as achegas, as contratacións, os cargos, as facturas e as incidencias de mobilidade, entre outras cuestións, que foron creados na súa totalidade durante os dous anos da actual lexislatura. Estes preto de 50.000 expedientes supoñen un incremento do 30 % respecto aos expedientes que foron tramitados de xeito electrónico entre os meses de xuño de 2014 a xuño de 2015.

Antes de outubro, isto é, durante o mes de setembro, os deputados e deputadas provinciais recibirán unha sesión de formación sobre o acceso telemático á documentación dos plenos. Do mesmo xeito, tamén o persoal dos distintos servizos da institución provincial recibirá formación relativa ao envío da documentación dos plenos mediante a plataforma de xestión de expedientes.

Ademais do proceso de administración electrónica interno, a Deputación de Pontevedra tamén está a prestar o servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de administración electrónica para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, a institución provincial permite que as localidades da provincia dean cumprimento á lexislación vixente relativa ao acceso electrónico da cidadanía ás actuacións públicas, unha cuestión incluída no marco das competencias que a lei de réxime local lle ten concedido ás institucións provinciais.

A Deputación de Pontevedra destina 847.000 euros a este servizo, facilitando que os concellos que non contan cos recursos suficientes poidan levar a cabo a adaptación e modernización tecnolóxica. Polo de agora, xa son 55 os concellos que se adheriron a este servizo (así como unha entidade menor) cuxa principal característica é que se trata dun modelo de servizo ofrecido na nube. A implantación xa comezou en 36 deles, dando formación a preto de 2.100 empregadas e empregados e 700 cargos públicos.

Do mesmo xeito, nestes momentos a institución provincial está inmersa no proceso de licitación do Servizo do Padrón municipal de habitantes que estará integrado na solución de administración electrónica e cuxo prazo de presentación de ofertas remata o 1 de setembro. A través deste servizo, que conta con un orzamento de preto de 500.000 euros, desenvolverase un sistema informático para xestionar os padróns municipais que facilitará e axilizará os trámites e reducirá os tempos de espera da cidadanía, ademais de permitir a optimización de gastos e recursos e a xeración dunha administración máis próxima ás veciñas e veciños.