Noticias

A terceira edición do Concurso "Balbino" premiará relatos relacionados co rural, o mar e a emigración

O premio está promovido por unha editora do Deza, comarca da que era natural Xosé Neira Vilas, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Neira Vilas e dos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón


25 xaneiro 2018
Presentación do Certame Balbino de Relato Curto

Esta mañá presentouse no pazo de San Roque a terceira edición do Concurso "Balbino" de Relatos que nesta convocatoria amplía as temáticas de referencia e, ademais do rural, engade o mar e a emigración. Así o anunciou o editor responsable da convocatoria, Manuel Núñez, de Edicións Fervenza, que estivo acompañado por representantes das institucións que apoian o premio, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Ao igual que en edicións anteriores, tamén colaboran os concellos de Boqueixón e Vila de Cruces.

Na súa intervención o deputado de Cultura e Lingua fixo fincapé en que "desde a Deputación de Pontevedra vimos apoiando este certame desde o seu inicio por entender que é unha maneira de dinamizar a lingua e a creación en galego, e neste Ano da Lingua ten máis sentido apostar e pular por este tipo de iniciativas". Xosé Leal tamén valorou moi positivamente que nacera e se manteña "un premio cun nome tan simbólico como o do protagonista do libro máis vendido e máis traducido na nosa historia literaria, como é o Balbino da obra máis emblemática de Neira Vilas".

Ao igual que en anos anteriores, o premio está aberto a persoas, sexan escritoras e escritores noveis ou consagrados, de calquera nacionalidade e idade. As persoas participantes deben enviar un relato ou unha serie de relatos, en lingua galega e inéditos, que teñan un mínimo de 100.000 e un máximo de 180.000 caracteres con espazos. A temática, nesta ocasión, debe xirar ao redor das tradicións, costumes, xeito de vida e raíces vinculadas co rural e o mar galego e coa emigración.

O certame está dotado cun único premio de 1.500 euros e o prazo de presentación de obras rematará o 30 de xuño. A entrega do premio realizarase nun acto que terá lugar durante o mes de setembro e a obra premiada será publicada por Edicións Fervenza. As bases tamén recollen que o xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio do mundo da cultura e da literatura.

Hai que lembrar que á primeira edición da convocatoria deste premio, no ano 2016, concorreran 31 obras orixinais e que o xurado, composto por Rosalía Morlán, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, decidira por unanimidade outorgarlle o único premio ao orixinal presentado baixo o título Camiños na sombra, do autor Xián Lois Alcayde Dans, un mozo coruñés de 19 anos. Na segunda edición, no ano 2017, presentáranse 24 orixinais e resultara gañadora a obra De que falarán as árbores, do autor ourensán Ricardo Cid Paz.