Noticias

A teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atendeu en 2016 preto de 5.000 alarmas

Carmela Silva fixo balance do servizo, que durante o ano pasado lles prestou asistencia a 444 persoas de 47 concellos da provincia


23 xaneiro 2017
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance esta mañá das actuacións desenvolvidas polo servizo de teleasistencia domiciliaria da institución provincial, que atendeu, ao longo do ano pasado, preto de 5.000 alarmas correspondentes a 444 persoas de 47 concellos da provincia. Este servizo da Deputación presta unha resposta inmediata, efectiva e continuada, as 24 horas do día e os 365 días do ano, a través dun terminal asociado á liña telefónica, que, instalado no domicilio das persoas usuarias e con só premer un botón, permite establecer unha comunicación directa a través do sistema "mans libres" desde calquera punto da casa.

A través do servizo de teleasistencia préstanse os servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social; préstanse seguimentos permanentes desde o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas; e xestiónanse axendas para recordarlle á persoa usuaria datos importantes sobre a toma de medicación ou realización de xestións.

O servizo de teleasistencia da Deputación préstase en 47 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, cos 436 terminais instalados en fogares destes concellos. Segundo subliñou Carmela Silva, o ano pasado rexistráronse 110 altas novas,  38 máis que en 2015,  o que supón unha media de 9,2 altas mensuais fronte ás 6 do ano anterior. Sanxenxo e O Porriño son os concellos con máis persoas usuarias. De feito, en 2016 ambos os concellos sumaron 29 novas altas.

Ao longo de 2016 atendéronse 4.912 alarmas (cun tempo medio de atención de 12,1 segundos e de resolución de incidencias de 1,8 minutos) desde os terminais. Por número de chamadas destacan os usuarios dos concellos de Tui, con 420; Mos, con 378; Portas, con 307; Silleda, con  220; e O Grove, con 204 chamadas.

Por outra banda, a presidenta destacou que o ano pasado houbo 330 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica, e cinco xornadas de convivencia entre a totalidade das persoas usuarias, desenvolvidas nas localidades de Mos, Cuntis, Mondariz, O Grove e Tomiño. Nestas xornadas as persoas usuarias do servizo en cada concello comparten unhas horas de lecer e poden intercambiar as súas experiencias.

Para este 2017 xa se están organizando novas xornadas de convivencia para as persoas usuarias, que se van desenvolver o 6 de abril en Bueu (para os concellos de Bueu, Moraña e Vilaboa), o 4 de maio en Mos (para os concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas), o 18 de maio en Cuntis (Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga), o 1 de xuño en Mondariz (A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño e Soutomaior), o 15 de xuño en Agolada (Agolada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces), o 14 de setembro en Cambados (Cambados, O Grove, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa) e o 5 de outubro en  Tomiño (Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui).