Noticias

A tecnoloxía do bitcoin como hipotética ferramenta para mellorar o rastrexo da COVID-19, eixe da conferencia de Martín López no ciclo Aida Fernández

O enxeñeiro da Universidade de Vigo falará das aplicacións da tecnoloxía das cadeas de bloques aos campos da seguridade viaria, o turismo ou a sanidade pública


18 novembro 2020

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organizan este xoves, día 19, ás 19 horas, unha nova sesión do ciclo de conferencias Aida Fernández de los Ríos. Desta volta co seminario virtual "A tecnoloxía das cadeas de bloques: alén do bitcoin e contra o coronavirus", que será impartido polo profesor Martín López Nores, doutor do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, experto en solucións de software e Intelixencia Artificial aplicada. A charla en liña é de balde e a inscrición pódese realizar xa través da Rede no portal www.depo.gal. A conexión farase a través de Zoom.

As cadeas de bloques, que naceron como parte do proxecto bitcoin, son un rexistro que funciona como libro contable dixital que permite seguir tódalas transaccións e dar confiabilidade ao sistema. Tódolos bloques engádense en base á fiabilidade dos anteriores, de xeito que canto máis longa a cadea, máis fiable. Deste xeito, as criptomonedas poden funcionar á marxe dos bancos centrais e sen respaldo gobernamental. Pero é aplicable a tecnoloxía dixital das cadeas de bloques a ámbitos como a seguridade viaria, a promoción do turismo ou á saúde pública? Martín López sostén que si e explica que, na medida en que é posible seguir tódolos contactos das primeiras persoas que enfermaron na actual pandemia da COVID-19, poderían terse elaborado cadeas de bloques para optimizar o rastrexo desde o principio. Porén, a protección legal da protección de datos e o dereito ao esquecemento dixital fan inviable unha solución deste tipo nun estado de dereito. "É por isto que se ten definido ás cadeas de bloques como unha solución perfecta a problemas que non existen", afirma Martín López.

O ciclo Aida Fernández de los Ríos comezou en setembro cunha primeira charla sobre as novas terapias para loitar contra o cancro e proseguiron durante o pasado mes de outubro con novas sesións os nanomedicamentos, o cambio estacional e o fuso horario de España e os paradoxos da Intelixencia Artificial. Logo da charla de mañá xoves ao redor dos bitcoins, será a quenda da sesión Incerteza e ciclo económico (26 de novembro) e das microalgas e o mar como fonte de saúde (3 decembro).