Noticias

A segunda Webinar do I Ciclo de Conferencias Científicas "Aida Fernández Ríos" chega este xoves da man da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Sociedade Española de Inmunología África González falará da "Inmunidade fronte a Covid-19" e a experta en Farmacia María José Alonso de "Como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas"


29 setembro 2020

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este xoves, 1 de outubro, a segunda webinar sobre sanidade no marco do primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a institución provincial organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. Na sesión, que estará formada por dúas webinars de 20 minutos cada unha, a catedrática en Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso Fernández explicará "Como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas" e a presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, África González Fernández, falará da "Inmunidade fronte a Covid-19".

Este ciclo de conferencias busca achegar a ciencia ao conxunto da sociedade ao mesmo tempo que lle dá visibilidade ás mulleres deste eido como Aida Fernández Ríos. A charla de Alonso Fernández e González Fernández, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos e as persoas interesadas en participar poden apuntarse na web da Deputación (www.depo.gal). María José Alonso Fernández é catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela e, tamén, académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Doutra banda, África González é catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Tras esta sesión, o ciclo Aida Fernández Ríos continuará ata o mes de decembro con outras cinco webinars. O 22 de outubro chega "Cambio estacional de hora e fuso horario en España" da man do catedrático de Electromagnetismo Jorge Mira Pérez. Xa en novembro, o día 5 será a quenda dunha conferencia formada por dúas charlas baixo a temática intelixencia artificial: Senén Barro, catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, impartirá "Os paradoxos da intelixencia artificial"; e Ulises Cortés, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, encargarase de "Humanismo, ética e intelixencia artificial". O 19 de novembro terá lugar a webinar "A tecnoloxía das cadeas de bloques: máis alá do bitcoin e contra o coronavirus", a cargo de Martín López Nores, membro do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada Luis Caramés será o encargado de impartir a conferencia "Incerteza e ciclo económico" que se celebrará o 26 de novembro. Por último, o 3 de decembro será a quenda dunha sesión formada por dúas charlas que versarán sobre pesca, acuicultura e biotecnoloxía: a catedrática de Bioloxía Concepción Ferreiro impartirá "Microalgas: Microfactorías verdes" e a coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC Isabel Medina falará sobre "O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura"