Noticias

A sede da Deputación acolle este xoves unha xornada informativa da UCGAL sobre as cláusulas chan

O obxectivo é atender dúbidas da cidadanía ante a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente


18 xaneiro 2017
Pontevedra

Co título "Que podo facer ante unha cláusula chan?", técnicos da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) ofrecerán este xoves 19 de xaneiro, ás 20:00 horas, unha charla informativa no salón de actos do primeiro andar do Edificio Administrativo da sede da Deputación de Pontevedra. O obxectivo desta actividade, de acceso libre e gratuíto ata completar aforo, é atender dúbidas da cidadanía sobre o impacto da recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente nos casos de cláusulas chan de hipotecas consideradas abusivas.

O número de consultas de persoas afectadas polas cláusulas chan relacionadas con esa sentenza aumentou desde que se coñeceu a decisión do tribunal, polo que a UCGAL está a desenvolver xornadas en toda Galicia sobre esta cuestión. A través destes eventos cada persoa asistente pode coñecer a situación concreta da súa hipoteca, se inclúe unha cláusula chan e se existe a posibilidade de recuperar o diñeiro pagado de máis ás entidades bancarias e de reclamar para que non se lle siga aplicando unha cláusula chan.

A colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a UCGAL estenderase á realización dunha segunda xornada informativa en Vigo. Será o martes 7 de febreiro, ás 20:00 horas, na sede viguesa da Deputación.