Noticias

A rúa Valiña, en Poio, gaña espazo para o tráfico peonil e racionaliza os aparcamentos cun investimento de máis de 80.000 euros da Deputación de Pontevedra

Gregorio Agís: "Nos últimos anos téñense feito investimentos moi potentes en Poio por parte da Deputación e esta obra é unha mostra máis"


22 febreiro 2021
Visita obras Poio

A Deputación de Pontevedra acaba de mellorar a rúa Valiña, un dos eixes principais do Concello de Poio e que nos últimos anos ten experimentado un importante crecemento urbanístico. Os deputados Santos Héctor e Gregorio Agís, xunto co alcalde, Luciano Sobral, e a tenente de alcalde, Chelo Besada, visitaron esta mañá a zona, onde se investiron preto de 80.000 euros procedentes do Plan Concellos.

Tralas obras realizadas as beirarrúas, que tiñan un trazado irregular e mesmo con barreiras arquitectónicas, pasaron a contar cun ancho estable de dous metros. A superficie peonil creceu un 40 % pasando dos 300 metros cadrados a 502 metros cadrados. A maiores solucionáronse os problemas das entradas dalgúns garaxes que constituían verdadeiras barreiras arquitectónicas. A mellora permitiu tamén a pavimentación da calzada.

Gregorio Agís fixo alusión ao mal estado da rúa Valiña desde a construción dos primeiros edificios. "As beirarrúas non tiñan as condicións necesarias e, ademais, era preciso reordenar os niveis nas entradas aos garaxes". "Gracias ao Plan Concellos", engadiu, "puidemos dar resposta ás necesidades dunha zona que ten moitos habitantes". O deputado destacou a fortaleza do Plan, "que á parte de tratar a todos os concellos por igual, sen mirar a súa cor política, dá plena autonomía para que os propios concellos resolvan obras, contraten persoal e mesmo organicen eventos". Agís destacou a importancia das actuacións executadas con fondos provinciais: "Nos últimos anos téñense feito investimentos moi potentes en Poio por parte da Deputación e esta obra é unha mostra máis", concluíu.

O alcalde, Luciano Sobral, aplaudiu que o Plan Concellos permita coñecer de antemán os fondos regrados que achega a Deputación. "A Deputación tomou a decisión política de crear o Plan Concellos, dándonos un financiamento estable con criterios obxectivos, e foi un grande acerto porque nos permite planificar". Sobral lembrou que a rúa Valiña ten unha forte densidade de poboación e canaliza unha gran cantidade de vehículos, polo que era necesario mellorar a accesibilidade peonil "para conseguir unha mellor calidade de vida cunha contorna agradable".

A rúa Valiña conta cunha lonxitude total de 130 metros e a obra realizada permitiu reordenar completamente os seus espazos peonís, garantindo a seguridade viaria ao separalas adecuadamente das zonas de aparcamento. Para elo foi necesario a demolición do firme anterior, adaptación das novas beirarrúas á rasante, apertura de gabias para instalación de sumidoiros da nova rede de pluviais e, finalmente, pavimentación cunha nova capa de rodaxe.

Desde o 2015, a Deputación de Pontevedra investiu no concello de Poio máis de 11 millóns de euros. Este ano o Plan Concellos dedica 1.085.000 euros, que farán posible a execución de novas melloras no municipio. Desde o ano 2015 a Deputación financiou máis de 20 obras ao abeiro do Plan Concellos, tanto no centro urbano como no rural, onde destacan a mellora do campo de fútbol A Seca, cun investimento de 400.000 euros, a humanización da baixada ao porto de Campelo por máis de 500.000 euros ou a mellora na Seara, no marco do Plan DepoRemse, que supuxo outros 500.000 euros.

Fotos