Noticias

A Rolda Leste de Pontevedra estará finalizada a mediados do mes de xullo

A construtora está a realizar as capas da base do firme e nas vindeiras semanas comezará a construír as dúas novas glorietas


10 maio 2019
Rolda Leste

A nova Rolda Leste de Pontevedra impulsada pola Deputación e o Concello de Pontevedra estará rematada a mediados do vindeiro mes de xullo, segundo se informou hoxe na Xunta de Goberno provincial. Nestes momentos as obras en marcha consisten na extensión dunha das capas para asentar o firme (macadam), que xa está aplicada entre a parte superior da vía e zona da glorieta central, traballo que continuará a semana próxima, aproveitando o bo tempo, entre Pedra do Lagarto e a zona do Marco.

Segundo explica o director de obra, nestes momentos está xa finalizada a explanación do terreo, feitas as cunetas, os peches dos muros e tamén a escavación da rotonda superior. Tamén están canalizadas a meirande parte dos servizos excepto o gas e a telefonía da parte superior, á espera das empresas subministradoras. Prevese que nas vindeiros semanas, unha vez pasadas as chuvias que provocaron moitos arrastres de finos no terreo –foi preciso o traballo con compactadoras para asentalo–, se rematen os traballos das capas da base do firme e tamén do aglomerado.

Tocará logo a quenda da construción das novas glorietas, unha na EP-0003 e outra sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. Ambas terán unha calzada con dous carrís de 4,5 metros e beiravías dun metro. A primeira terá un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda terá 50 metros de diámetro e catro accesos, deixando outro previsto para a prolongación da rolda cara a zona norte. Unha vez executadas as glorietas entrarase na última fase de obra, cando se instalarán as novas luminarias, a sinalización vertical e o pintado da horizontal, así como a senda peonil e ciclista.

A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha berma de 0,75 metros, cunetas de dous metros e, no lateral dereito, unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo para os tránsitos peonís e ciclistas.

O proxecto tivo que superar diferentes atrancos administrativos desde a súa concepción ata hoxe: en 2013 Deputación e Concello asinaron un convenio de colaboración, no 2014 realizouse a redacción do proxecto, e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación, sen embargo, tivo que ser rescindida por defectos da tramitación e pola necesidade de modificar o proxecto, que non incluía o traslado de torres de alta e media tensión nin as correccións apuntadas pola Xunta de Galicia. Finalmente, en decembro de 2017 iniciouse de novo a licitación dos traballos, que se iniciaron en agosto de 2018.