Noticias

A restauración do Estaleiro da Banda do Río en Bueu entra na súa última fase cunha achega do Plan Concellos da Deputación

O ente provincial revalida o seu compromiso co patrimonio mariñeiro a través dunha axuda de 112.138,45 euros enmarcada na liña 1 de investimentos


01 agosto 2020

O concello de Bueu acometerá a segunda fase da restauración do Estaleiro da Banda do Río, Carpintería de Ribera de Purro, como remate das actuacións de restauración e musealización do antigo estaleiro grazas a unha nova achega da Deputación de Pontevedra por valor de 112.138,45€. A subvención, que supón o total do orzamento das actuacións, foi aprobada este venres pola Xunta de Goberno dentro da liña 1 do Plan Concellos.

Esta segunda fase completará o proceso de restauración do estaleiro mediante a execución de obras complementarias, a urbanización exterior e a musealización do espazo que permitirán, unha vez rematadas, que o estaleiro poida abrirse ao público. Máis polo miúdo, contémplase a execución da restauración dos obxectos que van a ser expostos e o traslado dos barcos así coma a instalación de toda a sinalización que guiará ás e aos visitantes ao longo da exposición. Amais, o espazo urbano completarase con dous bancos de madeira e a pavimentación da área limítrofe.

O ente provincial xa achegara fondos para a execución da primeira fase do proxecto, que consistiu na consolidación estrutural do estaleiro, a substitución de todos os elementos de cubertas, a execución do peche perimetral así como das instalacións e na pavimentación das beirarrúas máis próximas ao edificio. Agora, con esta nova achega, a Deputación volve a poñer sobre a mesa o seu compromiso co patrimonio, a historia e o territorio de Pontevedra. Compre destacar que o estaleiro da Banda do Río é o único que conserva unha carpintería de ribeira na ría de Pontevedra e nel traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños da vila de Bueu, que construíron incontables embarcacións, algunhas delas aínda en activo.