Noticias

A reinvención empresarial pola COVID-19 centra o webinario da Deputación de Pontevedra do 1 de outubro a través do Viveiro de Empresas de Lalín

Catro persoas relatoras amosarán exemplos de pemes que foron quen de adaptar a súa liña de produción para responder ás novas demandas derivadas da pandemia


21 setembro 2020
I almorzo webinar inspirandonos

"A necesidade de reinventarse por mor da COVID-19" é o título do primeiro almorzo webinario "Inspirándonos" que a Deputación de Pontevedra organiza o vindeiro 1 de outubro (ás 10 horas) a través do Viveiro de Empresas de Lalín. Neste encontro en liña, que está dirixido á persoas emprendedoras, profesionais, empresas e público en xeral, catro persoas relatoras darán a coñecer exemplos de pequenas e medianas empresas que foron quen de adaptar a súa liña de produción para responder ás novas demandas derivadas da pandemia, ben a través dun cambio de actividade ou dunha segunda liña de produtos.

As inscricións para participar nesta actividade, que é gratuíta e se difundirá vía Zoom, poden realizarse xa desde a páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal). Para maior información, as persoas interesadas poden contactar co Viveiro de Lalín nos teléfonos 686 540 897 e 886 217 360 ou no enderezo electrónico viveiro.lalin@depo.gal.

Neste almorzo en liña intervirán Marisé Bértola Torres, de MB Costura, empresa de costura á medida e arranxos que incorporou ao seu catálogo de produtos a confección de máscaras reutilizables para a poboación e de equipos para o persoal sanitario (batas, gorros e máscaras); Juan Carlos Salgueiro Hurtado, de C&S Diseño y Publicidad Deza, empresa de deseño e rotulación que trocou a produción de material de papelería pola elaboración de máscaras, adaptando a maquinaria de imprenta co obxectivo de preparar os filtros para estas. Participarán tamén Iago González Barbeito, de Pontevedresa Group, fábrica de vidro centrada na construción e na industria, que incluíu a fabricación de anteparos protectores na súa carteira de produtos, e Manuel Alonso González, de Sotega Noroeste, empresa especializada en cerrados e fabricación de portas metálicas, que desenvolveu e comercializa unha fonte dispensadora de hidroxel.

Este é o primeiro dos tres almorzos webinarios "Inspirándonos" que desenvolverá ata decembro o Viveiro de Empresas de Lalín, nos que se amosarán diferentes exemplos de inspiración en diferentes ámbitos. A actividade se enmarca no Plan para a Dinamización do Viveiro de Lalín que ten en marcha a Deputación e que enfoca o seu desenvolvemento e metodoloxía na construción de modelos de negocio sostibles desde un punto de vista social, económico e medioambiental, que favorezan a xeración de riqueza no e para o territorio, e que estean aliñados cos valores e propósitos das persoas promotoras. Así mesmo, propíciase a colaboración e a creación e intercambio de coñecemento entre todas as partes implicadas.