Noticias

A recuperación do espazo público é un dereito da cidadanía beneficioso para todas e todos e irreversible, principal conclusión do Encontro Tonucci

A vindeira reunión da Rede Española celebrarase en Huesca xunto cun encontro de formación


26 maio 2017
Consello de nenas e nenos

A recuperación do espazo público é un dereito da cidadanía beneficioso para todas e todos os integrantes das cidades e irreversible. Esa é a principal conclusión do Encontro da Rede Española de Cidades das Nenas e Nenos do proxecto Tonucci que finalizou hoxe en Pontevedra, no que tamén se decidiu que a cidade que acollerá a reunión anual de 2018 será Huesca, que ao mesmo tempo tamén organizará un seminario de formación para as entidades adheridas .

Durante a mañá, o programa organizado pola Deputación de Pontevedra recolleu tres seminarios para desenvolver, contrastar e debater os traballos realizados nos diferentes concellos e entidades: o de Planificación Compartida, Xogo e Espazo Público; Consello das Nenas e Nenos e Autonomía.

No grupo de traballo de Planificación Compartida subliñouse que a filosofía e o proxecto de Cidades das Nenas e Nenos que propón Tonucci -deseñar as cidades baixo o paradigma das nenas e nenos para que sexan válidas para todas e todos– ten que obrigatoriamente estar apoiada por unha aposta política "valente" na que a prioridade sexa a recuperación do espazo público para as persoas. Así, a primeira e máis importante conclusión é que a utilización do espazo pola cidadanía é un dereito que se volve irreversible: unha vez que unha área se restrinxe aos vehículos, todas e todos os cidadáns, e particularmente as nenas e nenos, benefícianse.

Outra das conclusións asumida por todas as entidades presentes é que é posible recuperar o espazo público en todas as cidades, independentemente do seu tamaño: pequenas vilas ou grandes núcleos, sempre adaptando as fórmulas ás singularidades de cada lugar. Por outra parte, no caso de vilas nas que o modelo xa está implantado nos núcleos urbanos, a aposta é trasladalo, como no caso de Pontevedra, tamén ás zonas do rural. Finalmente, outra das conclusións é que é fundamental á hora de redeseñar os espazos contar coa participación da cidadanía –con nenas e nenos como cidadáns con pleno dereito– en cada un dos proxectos e que é preciso xerar espazos de uso compartido e non segregado para a convivencia.

Consello e Autonomía

No seminario do Consello das Nenas e Nenos a principal conclusión é que debe ser unha ferramenta para o alcalde de cada municipio co fin de transformar a cidade, xa que o proxecto Cidade das Nenas e Nenos debe aplicarse desde todas as áreas de goberno, non só o urbanismo, senón tamén a educación, xuventude, promoción económica etc. En canto ao formato, a principal aposta é implicar á comunidade educativa para que, preferentemente, en modo sorteo, escolla ao alumnado que forma parte do consello que realizará propostas ao Goberno local e decidir a periodicidade necesaria das reunións en función do tamaño de cada concello.

Finalmente, no seminario de Autonomía, formuláronse as dificultades para que nais e pais perdan os medos sobre o desenvolvemento de nenas e nenos no seu contorno. Por este motivo a principal conclusión foi a necesidade de actuar recuperando o espazo público de forma contundente, tendo en conta a participación con catro eixos: as administracións, familias, escolas e comunidades e a sensibilización.