Noticias

A provincia de Pontevedra sitúase "como o destino máis potente de Galicia e un dos máis relevantes do Estado" cunha ocupación este verán do 66%

Carmela Silva: "A ocupación en establecementos hoteleiros foi 20 puntos superior á acadada no 2020 e soamente cinco puntos inferior á rexistrada no 2019. Somos un destino resiliente e con grande capacidade de recuperación"


30 setembro 2021
Datos de turismo de la provincia

Cunha ocupación media nos establecementos hoteleiros da provincia de Pontevedra do 66% durante o verán, a presidenta da Deputación cualificou ao destino Rías Baixas como "o máis potente de Galicia e un dos máis relevantes do Estado".  Carmela Silva, que recordou que a media do verán supera en 20 puntos a rexistrada o pasado ano, e soamente cinco puntos inferior á alcanzada no 2019, resaltou a resiliencia do destino provincia de Pontevedra e a súa grande capacidade de recuperación.

Durante o verán todas as comarcas da provincia rexistraron un incremento con respecto á mesma temporada do pasado ano. Deste xeito, a comarca de Vigo acadou unha ocupación media entre xullo e setembro do 75% (24,1 puntos máis que en 2020), O Morrazo o 73% (11 máis), a comarca de Pontevedra o 72% (21 puntos máis), O Salnés o 70% (case 22 puntos máis), O Baixo Miño o 68% (20 máis), a comarca de Caldas o 66% (22 puntos máis), Deza e Terra de Montes o 53% (14 puntos máis) e O Condado e A Paradanta o 50% (17 máis).  No que respecta a concellos, Vigo acadou no verán o 75,4%, Baiona o 80%, Sanxenxo o 70%, Pontevedra o 69,4% e e O Grove o 66,5%. E xa en canto aos establecementos de turismo rural a media de ocupación rexistrada polo Observatorio de Turismo Rías Baixas neste verán ascendeu ao 66,5%, o que supón 7,1 puntos máis que o acadado no verán do 2020.

"Espectacular foi tamén a recuperación dos visitantes do Castelo de Soutomaior con respecto ao ano pasado", remarcou a presidenta Carmela Silva. Este verán "foi de récord", con 18.263 persoas que visitaron o Castelo. En setembro foron  2.760 as que se achegaron ata Soutomaior, o que supón 1.125 persoas máis que en 2020 e un dato similar a setembro de 2019, cando visitaron Soutomaior soamente 26 persoas máis que este ano.

Datos de ocupación setembro

En setembro a ocupación media nos establecementos hoteleiros da provincia foi do 52,5%, 23,4 puntos máis que no 2020. Novamente todas as comarcas superaron os resultados do pasado ano, con ocupacións superiores ao 68,5% en Vigo (32 puntos máis), 62% na comarca de Pontevedra (30 máis),  53,4%  no Salnés (25,2 máis), 50,4% no Baixo Miño (18,4 máis), 49% no Morrazo (13 puntos máis), 47% na comarca de Caldas (24,5% puntos máis), 43% en Deza e Terra de Montes (19 máis) e 34% no Condado e A Paradanta (12 puntos máis). No que respecta aos concellos en setembro Vigo rexistrou unha ocupación do 74%, Pontevedra do 73%, Baiona do 67%, Sanxenxo do 52% e O Grove do 52%.

Pola súa banda, as casas de turismo rural tiveron de media en setembro unha ocupación do 46%, 17 puntos máis que o rexistrado no mesmo mes de 2020 e cun incremento xeneralizado en todas as comarcas da provincia. Deste xeito, a comarca de Caldas acadou un 62% de ocupación (19 máis), O Morrazo o 56% (8 puntos máis), O Baixo Miño o 52% (22 máis), a comarca de Vigo o 45,4% (30,4 puntos máis), O Salnés chegou ao 41,3% (6,8 máis), as comarcas do Condado e A Paradanta o 40,5% (9 puntos máis), Deza e Terra de Montes o 35% (24 máis) e a comarca de Pontevedra ao 34% ( 11 puntos máis).

No que respecta aos campings da provincia a ocupación media chegou ao 25% en setembro, superando o 32% no Morrazo e o 30% na comarca de Vigo. Na zona do Salnés rozou tamén o 30%, e nas comarcas do Baixo Miño, Condado e A Paradanta chegou ao 15%.

En canto ao perfil das persoas que acudiron ás Oficinas de Turismo Rías Baixas en setembro procedían na súa maioría de España (90%) e, en concreto, de Madrid, Barcelona, Biscaia e Asturias. No que respecta ás estranxeiras (10%) proviñan maioritariamente de Portugal, Alemaña, Francia, Estados Unidos e Italia.  A media de idade situouse entre os 35 e 60 anos e permaneceron na provincia entre 7 e 15 días.

Previsión de ocupación cara outubro e a ponte da Hispanidade

Cara ao mes de outubro agárdase unha ocupación media en establecementos hoteleiros da provincia do 33%, chegando a máis do 45% durante a ponte da Hispanidade. Así, para a ponte prevese un 65% na comarca do Salnés, o 56% na comarca de Vigo, o 53% na de Pontevedra, un 40% na comarca do Morrazo, o 38% na de Caldas, o 47% na do Baixo Miño, o 28% no Condado e A Paradanta e o 34% en Deza e Terra de Montes.  Pola súa banda, nos concellos estímase unha ocupación do 62% en Vigo, do 61% en Baiona, do 58% no Grove e de preto do 50% en Pontevedra.

"Sigue o teu instinto" busca ser a Mellor Película Turística do Mundo

O vídeo da campaña turística da Deputación en 2020, "Sigue o teu instinto", xógase o título de Mellor Película Turística do Mundo no Premio do Público do CIFFT (Comité Internacional de Festivais de Películas Turísticas). A presidenta Carmela Silva, fixo "un chamamento á cidadanía para pedir un gran favor para a provincia e para o noso sector turístico: voten o vídeo como se non houbera mañá", xa que, sinalou, "xogamos de novo na Champions League. Votándoo conseguiremos que o vídeo se vexa en todo o mundo e será unha campaña de promoción internacional que non teríamos recursos para acometer". As votacións abren mañá, 1 de outubro, e pecharán o vindeiro 25 de outubro na web do CIFFT.

Agora mesmo "Sigue o teu instinto" lidera a categoría de Produto Turístico do CIFFT cos galardóns acadados co voto do xurado: 34 fronte aos 29 obtidos polo vídeo que ocupa o segundo lugar e os 25 do terceiro posto. O vídeo, producido por Esmerarte, segue a estela de "Fame de experiencias?", que en 2020 obtivo 14 premios internacionais e tamén foi o vídeo que obtivo máis puntos na categoría de Produto Turístico do CIFFT. Polo de agora xa acadou 8 galardóns, dous deles aínda non públicos. No Premio do Público do CIFFT competirá a partir de mañá fronte a 40 candidaturas de todo o mundo. "Votar é traballar polo futuro da nosa provincia e por que teñamos un destino cada vez máis internacional", valorou a presidenta.

Vídeos