Noticias

A provincia de Pontevedra converterase a próxima semana no epicentro estatal da Ruta dos Fenicios

A Asemblea Estatal deste itinerario cultural, tamén denominado Ruta das Kassiterides, vaise celebrar os días 22 e 23 de novembro no Pazo Provincial


16 novembro 2018
Ruta dos Fenicios

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que o Pazo provincial vai acoller os próximos días 22 e 23 de novembro a Asemblea Estatal da Ruta dos Fenicios, tamén denominada Ruta das Kassitérides. "A próxima semana a nosa provincia vaise converter no epicentro estatal da Ruta dos Fenicios ao acoller a Asemblea deste itinerario cultural europeo, que dará cita ás entidades integrantes de diferentes puntos da xeografía nacional e internacional", destacou.

Máis polo miúdo, o xoves levarase a cabo unha reunión pechada dos socios e xa o venres terá lugar un encontro aberto ao público, no que haberá conferencias e mesas redondas sobre a ruta, sobre o programa de itinerarios culturais europeos do Consello de Europa e sobre a propia Ruta dos Fenicios, a dos Íberos, o Camino de Anibal e a Ruta das Cassitérides. A este encontro, ademais da Directiva da Asociación, está confirmada a asistencia de múltiples delegacións, o Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, o Itinerario Rota de Fenici de Italia, a Universidade de Jaén, o concello de Sto. Tomé, o concello de Linares, o concello de Guardamar de Segura, MAC-Ampurias, o concello de Ibiza, a Associaciò Amics de na Galera, o concello de Mengíbar, o concello de Galera, o concello de Cuevas del Almanzora, a Diputación de Cádiz, a Universidade de Cádiz, a Asociación Álace (Univ. Cádiz) e a Diputación de Jaén.

Por outra banda, ese mesmo xoves celebrarase no hall do Pazo a inauguración dunha exposición sobre a Ruta dos Fenicios, formada por un total de 13 estruturas, que achegará á poboación a este itinerario cultural tan complexo e con tantas potencialidades desde o punto de vista cultural e artístico. Ademais, coa colaboración do centro Carlos Oroza, vaise compartir coas delegacións un menú fenicio e posteriormente procederase á visita ao xacemento do Facho en Cangas, onde aínda está a traballar o persoal de arqueoloxía da Deputación, "desta maneira amosaremos alí todo o traballo que estamos facendo de recuperación e de posta en valor de "Galaicos: un pobo entre dous mundos", xa que certamente éramos o centro de intercambio entre os habitantes deste lado do mundo e os fenicios", asegurou Silva.

A presidenta da institución provincial recordou que, o pasado mes de abril, a Deputación foi seleccionada pola Rede Estatal da Ruta dos Fenicios para liderar a súa promoción e difusión na fachada atlántica. A Ruta dos Fenicios é un dos Itinerarios Culturais Internacionais recoñecidos polo Consello de Europa, que pasa por 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia, un camiño para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas, como se pensaba ata o de agora, senón nas Rías Baixas.

Fotos