Noticias

A programación cultural do Ano Castelao inclúe preto dun cento de representacións teatrais

Todos os concellos da provincia contarán, como mínimo, cunha representación teatral no marco deste programa


01 xul 2016
Teatro Ano Castelao
Teatro Ano Castelao

"Neste Ano Castelao non podiamos deixar de lado o teatro porque sempre tivo moita importancia na vida de Castelao, que aínda que como autor só escribiu unha obra, traballou moito no mundo da escenografía e a prol da creación dun teatro galego" afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da programación teatral incluída no marco do Ano Castelao. Leal lembrou que xa a principios de ano, desde a Deputación se comezara coas efemérides relacionadas co autor cunha estrea teatral, coa versión en teatro de monicreques de 'Os vellos non deben de namorarse' a cargo de Fantoches Baj. "Esta programación contempla tamén esta obra, neste caso a cargo de actores reais, por celebrarse este ano o 75 aniversario da estrea orixinal da obra en Bos Ares" sinalou o deputado.

Indicou que serán cinco as obras, a cargo doutras tantas compañías, que en total sumarán 90 actuacións e que presentan propostas escénicas moi diferentes. O deputado volveu incidir na importancia de que "o que queremos con estas actividades é apoiar aos concellos e complementar as súas programacións para achegar ao teatro a toda a poboación, e que toda a provincia poida gozar destas propostas". Na presentación estiveron presentes integrantes das cinco compañía -Limiar Teatro, Culturactiva, Teatro do Morcego, Migallas e Cándido Pazó- que explicaron candansúa proposta e coincidiron en reivindicar a loita de Castelao a prol do idioma e da identidade galega.

 A primeira función terá lugar esta noite en Ribadumia, ás 22h, a onde chegará a obra 'A lingua na boca. Letras, Riscos e Pensamentos de Castelao' da compañía Limiar Teatro. Esta obra, creada especificamente para este programa, percorrerá os 62 concellos da provincia entre o 1 de xullo e o 3 de setembro, e debido ao seu pequeno formato, poderá adaptarse a unha ampla variedade de espazos. Un dos integrantes da compañía, Fran Núñez explicou que "á hora de crear este espectáculo tivemos moi presente a idea da lingua, que tanta importancia tivo na traxectoria de Castelao e das Irmandades da Fala". Trátase dun espectáculo multidisciplinar, que integra música en directo, teatro, manipulación de obxectos e narración oral, para reivindicar o uso da lingua. Como mostra, os dous integrantes da compañía, Fran Núñez e Brais Iriarte, interpretaron unha das cancións do espectáculo que toma como referencia, precisamente, o título da obra e que pretende unha achega contemporánea á figura de Castelao.

'Os vellos non deben de namorarse' de Teatro do Morcego achegaranse a 8 concellos da provincia e será en Pontevedra onde comezarán este percorrido -o 30 de setembro-. O director Celso Parada explicou que o nome da compañía nace precisamente en homenaxe ao propio Castelao, que na súa viaxe a Francia en 1921 asistira en París ás representacións do 'Teatro do Morcego' dirixido por Balieff e que o marcaría na súa traxectoria posterior. Celso Parada lembrou que esta será a terceira vez que representarán a obra -a primeira fora no ano 2003 e a segunda nunha residencia en Narón-. Na súa intervención, Parada reivindicou a loita de Castelao por "construír un teatro nacional con raíces galegas, que bebese da nosa tradición pero tamén da tradición europea, nun momento no que os pintores colaboraban estreitamente co teatro". Esta representación, debido ás necesidades técnicas e de espazo escénico que precisa, será representada en concellos que contan con auditorios e teatros que reúnen estes requisitos.  

'Retrincos de Castelao' é a proposta que a compañía Culturactiva levará por 10 concellos da provincia a partires de setembro. Trátase dunha obra que está neste momento en montaxe e que toma como referencia os textos de Retrincos de Castelao. É un espectáculo de pequeno formato a cargo dos actores Fran Rei e Isabel Risco. No nome da compañía, Fran Rei explicou que "será un espectáculo ácido co que pretendemos achegarnos ao humor de Castelao, que tamén era ácido e cheo de pensamento político e de crítica". Asegurou, ademais, "que  o texto é un arma de construción masiva nun momento no que os gobernos intentan botar terra sobre a nosa identidade".

Pola súa banda, Cándido Pazó escolleu como título da súa obra o texto dunha das estampas do álbum Nós 'Que comerá o rei?' Este espectáculo, que consiste nunha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao, chegará a cinco concellos. O actor asegurou durante a súa intervención que "o espectáculo que vou facer pola provincia adiante é como un acto de desagravio contra todo ese descoñecemento que houbo ao redor de Castelao nunha época determinada".Cándido Pazó referiu unha serie de anécdotas para ilustrar o descoñecida que foi a figura e a obra de Castelao na década de 1970 e como contrasta ese descoñecemento coa actualidade.


Novas relacionadas