Noticias

A programación cultural da Deputación de Pontevedra inclúe esta semana música, narrativa, Roteiros literarios e Rutas de arquitectura

A institución provincial desenvolverá ata o domingo actividades nos concellos de Soutomaior, Baiona, Vilagarcía de Arousa, As Neves e Cerdedo-Cotobade


16 setembro 2020

A Deputación de Pontevedra continúa a súa aposta pola reactivación cultural na provincia e nesta semana ten programadas cinco novas actividades, que inclúen ata o próximo domingo tres actuacións musicais ademais dos Roteiros Literarios e as Rutas de Arquitectura. A programación chegará deste xeito aos concellos de Soutomaior, Baiona, Vilagarcía de Arousa, As Neves e Cerdedo-Cotobade.

Este xoves 17 de setembro o programa "Re-acción nos castelos!" despídese coa última das actuacións previstas a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, con todas as prazas esgotadas. Porán en escena o seu espectáculo "O pozo das señoras" no castelo de Soutomaior a partir das 19 horas (en caso de choiva, a actuación terá lugar na carpa interior do recinto). As dúas artistas falarán de historias sorprendentes protagonizadas por mulleres e fiadas por pequenas correntes de auga e emocións, contadas por Vero Rilo e acompañadas da música de Sonsoles Penadique.

Doutra banda, o programa "Música no ar" inclúe esta semana dous concertos en Baiona e As Neves. En concreto, Baiona acollerá este venres 18 a actuación do cuarteto de corda da Orquestra 430 de Vigo, que terá lugar, ás 19 horas, nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública (trasladarase en caso de choiva ao Auditorio V Centenario), mentres que no concello das Neves intervirá o sábado 19 a sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo, ás 19 horas, na Área Recreativa de Santa (na nova Casa de Música se chove).

Polo demais, o sábado 19 terá lugar a Ruta de Arquitectura polo Salnés, guiado pola doutora en Historia da Arte, Paula Pita. Hai que lembrar que este programa de rutas, que a institución provincial organiza xunto á Academia Galega de Belas Artes, ofrece ás e aos participantes a posibilidade de achegarse ao arte barroco da provincia a través de monumentos e construcións emblemáticas. Neste paseo, que arrancará no pazo de Rubiáns en Vilagarcía de Arousa (ás 10 horas), as persoas visitarán tamén o templo parroquial de Santiago do Carril e o pazo de Fefiñáns en Cambados.

Finalmente, o domingo 20 de setembro terá lugar o segundo dos Roteiros Literarios que a Deputación organiza en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Neste caso, o profesor Calros Solla guiará esta ruta literaria e etnográfica que esta fin de semana se achega ao concello de Cerdedo-Cotobade, con punto de partida na praza da Igrexa de Cerdedo, ás 11 horas.