Noticias

A programación cultural da Deputación chega este mes a Ponteareas, Redondela e Portas

A exposición "A gaita na música tradicional galega" e a peza dramática Invisibles conforman as propostas que se desenvolverán nos espazos públicos destes concellos


02 decembro 2019
Programación cultural

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural neste mes de decembro aos concellos de Ponteareas, Redondela e Portas cunha proposta expositiva, "A gaita na música tradicional galega", e unha teatral, Invisibles, de Redrum Teatro. Ambas as dúas propostas desenvolveranse en espazos públicos.

As actividades comezarán este martes 3 de decembro co inicio da mostra "A gaita na música tradicional galega", que permanecerá na Casa da Cultura do concello de Portas ata o 3 de xaneiro. A inauguración da exposición terá lugar ás 12 horas e o horario de visita será de luns a venres, de 17 a 19 horas.

Esta iniciativa repasa a historia da gaita a través de dez paneis, desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no ano 2000 AC, onde xa se rexistra a unión dunha bolsa ou fol a un tubo sonoro, ata a actualidade. A exposición fai paradas en fitos e cuestións particulares, coma a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da Asociación de Gaiteiros Galegos ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol, a Casa da Gaita de Viascón. Do que se trata é de poñer en valor o que se considera o instrumento paradigmático da música galega e de renderlle homenaxe á figura da gaiteira ou gaiteiro.

Por outra banda, a peza teatral Invisibles chegará a dous concellos da provincia durante o mes de decembro. O domingo 8, ás 18 horas, o espectáculo dramático da compañía Redrum Teatro representarase no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, e o sábado 14 de decembro, ás 20 horas, será a quenda do Auditorio da Xunqueira, no concello de Redondela.

Este evento ten unha duración aproximada de 90 minutos e poñerá no punto de mira a invisibilidade que sofren as persoas culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade. Dirixida por Marián Bañobre, a obra artéllase ao redor da novela homónima de Montse Fajardo e presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. Invisibles está orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos e concentra unha gran dose de conciencia crítica, cuestionando a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia machista.