Noticias

A programación cultural da Deputación de Pontevedra chega este mes a Baiona, Cambados, Silleda, Gondomar, Poio, Soutomaior, Moraña e Bueu

Exposicións, teatro e música conforman as propostas que se desenvolverán en espazos públicos destes concellos


02 outubro 2019
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural neste mes de outubro aos concellos de Baiona, Cambados, Silleda, Gondomar, Poio, Soutomaior, Moraña e Bueu con varias propostas expositivas, teatrais e musicais. Todas as actividades desenvolveranse en espazos públicos e estarán dirixidas a todos os públicos.

Máis polo miúdo, as actividades comezarán o próximo sábado 5 de outubro coa inauguración da exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" que estará presente nos baixos do Concello de Baiona ata o 18 de outubro, de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas. A apertura terá lugar ás 20:00 horas e despois dela realizarase unha proxección na biblioteca do documental Matriarcas, de Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial. Posteriormente, o público asistente poderá gozar dunha charla con Montse Fajardo, comisaria de "Rexas" e participante no documental. O acceso a todas estas actividades é libre.

A mostra viaxará posteriormente ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) de Gondomar. A inauguración terá lugar o 19 de outubro, ás 20:00 horas, e a mostra permanecerá ata o domingo 3 de novembro, poderase visitar de luns a venres entre as 18:30 e as 21:30 horas. O día da súa apertura Montse Fajardo dará unha conferencia titulada "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36", de acceso libre.

"Rexas" recolle exemplos de mulleres pontevedresas afectadas por todas as tipoloxías de represión, desde as vexacións sexistas e as persecucións, ata as torturas e asasinatos. Toda a información relativa á historia das mulleres homenaxeadas está organizada en 12 paneis que inclúen preto dun centenar de fotografías.

Ademais, a Deputación levará ata Cambados, Poio e Bueu a peza teatral Invisibles de Redrum Teatro. Trátase dun espectáculo creado a partir da novela homónima de Montse Fajardo que presenta ante o público diferentes historias que contan como fío común a violencia machista. A actividade vai dirixida a un público maior de 12 anos co obxectivo de reflexionar sobre a inexistencia dun perfil de mulleres que sofren violencia machista e sobre a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade. Invisibles poderá verse o 6 de outubro no Auditorio municipal de Cambados, o 20 de outubro no Centro Cultural Xaime Illa de Poio (enmarcada dentro do ciclo de teatro PoioEscena) e o día 27 no Centro Social do Mar de Bueu. As dúas primeiras actuacións terán lugar, ás 19:00 horas, e en Bueu as actrices e actores subiranse ás táboa, ás 20:00 horas.

Por outra banda, a Casa da Cultura de Silleda acollerá a mostra "Mulleres galegas na historia" entre o 15 e o 31 de outubro. Nesta exposición homenaxéase a dezaseis mulleres que marcaron a historia de Galicia. Deste xeito, a través da mostra repásase a vida e traxectoria de María Balteira, Inés de Castro, María Castaña, María Pita, María Soliña, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato, Bella Otero, Ernestina Otero, Maruja Mallo, Enriqueta Otero, María Antonia Dans, María Casares, Xela Arias e Julia Minguillón. A inauguración terá lugar o martes 15, ás 12:00 horas, e o horario de visita habitual será de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

A axenda cultural da Deputación de Pontevedra contará tamén con dúas actuacións musicais do dueto Oradaladou, conformado por Sonsoles Penadique e Carlos Quintá. A música de Oradaladou chegará á Biblioteca Luis Seoane de Soutomaior o xoves 24 de outubro, ás 19:00 horas, e á Casa de Cultura de Moraña o venres 25 de outubro, ás 17:00 horas. Os concertos xirarán entorno ao Cancioneiro de Cotobade de Antón Fraguas, ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.