Noticias

A programación cultural da Deputación chega esta fin de semana á Guarda e á Cañiza

A institución provincial ten programadas ata o domingo dúas actividades teatrais que se desenvolverán nos espazos públicos destes concellos


19 novembro 2021

A Deputación de Pontevedra reafirma e mantén a súa aposta pola cultura e o lecer da provincia e oferta esta fin de semana dúas actividades para todos os públicos. Adultos/as, mozos/as e nenos/as gozarán das actividades teatrais que o ente provincial ten preparadas nos concellos da Guarda e A Cañiza.

No seu interese de achegar as artes escénicas aos seus concellos, a Deputación dá un paso máis co programa "Tornar as táboas", que está a levar polos municipios da provincia e o Centro Príncipe Felipe un total de 35 espectáculos a cargo de 35 compañías diferentes.

Esta fin de semana contará con dúas novas funcións. O venres 19, ás 21.00, Artesa Cía interpretará "Illas desertas" no salón de actos do centro cultural da Guarda. Pola súa banda, o domingo 21 ás 17.00, será a quenda de "Ummm!! Unha comedia musical... para chupar o dedos" a cargo de Teatro Avendo Producións, que se celebrará no auditorio da casa da cultura da Cañiza.